Menu
Abrir

Quen somos

Fiare Banca Etica nace da unión de dous proxectos baseados nas finanzas éticas: Banca Popolare Etica, un banco cooperativo que traballa en Italia desde 1999 e Fiare que opera en España desde 2005. Ambos os dous queren ser unha ferramenta ao servizo da transformación social a través do financiamento de proxectos da economía social e solidaria e a promoción dunha cultura da intermediación financeira, baixo os principios da transparencia, a participación, a democracia e o crédito como dereito.

Sabemos ben que toda decisión económica é unha decisión ética, asumida desde un marco de conviccións e cuxas consecuencias favorecen a unhas persoas e prexudican a outras. O noso obxectivo é recuperar o valor social do diñeiro.  É por iso que os depósitos de aforro das persoas e organizacións que compartimos estes principios, serven para financiar o desenvolvemento cooperativo, os valores transformadores, a agroecoloxía, a cooperación ao desenvolvemento, o comercio xusto e a loita contra a exclusión social.

Garantimos a nosa xestión democrática e compromiso ético coa participación das persoas socias baixo o principio de «unha persoa, un voto».
Somos un banco cooperativo de referencia en Europa con máis de 37.000 persoas socias entre Italia e o Estado español, organizadas en 5 áreas xeográficas, con diferentes órganos de participación e unha estrutura dinámica e complexa.

Toda a nosa estrutura vive grazas ás persoas socias que se organizan a nivel local, para traballar a actividade cultural, a interacción coa estrutura operativa, a avaliación ético-social das solicitudes de financiamento e a identificación das necesidades do territorio en relación aos servizos bancarios.