TAMAÑO DO TEXTO
ALTO CONTRASTE (LUZ)
ALTO CONTRASTE (ESCURO)
FONTES ACCESIBLES

Ética e cooperativa

Participación e gobernanza

Ética e cooperativa

Descubre Valencia coa Asemblea de Persoas Socias

O sábado 18 de maio, a Asemblea de Persoas Socias de Fiare Banca Etica do 2024 celebrarase en Valencia. Será unha oportunidade única para apreciar a beleza da cidade e celebrar o 25 aniversario de Banca Etica. As persoas socias do territorio espérannos cos brazos abertos.

Para a ocasión preparamos unha fin de semana chea de actividades, que inclúen visitas guiadas a monumentos históricos, eventos culturais, momentos de convivencia e moito máis.

Xoves, 16 de maio 

Comezaremos este encontro en Cines Babel, cun pase de La Singla, o documental cofinanciado por Fiare, dirixido por Paloma Zapata e gañador dun premio Feroz, ademais da súa participación en varios festivais internacionais. Tras o pase, teremos a oportunidade de dialogar coa produtora da película e a Fundación do Secretariado Xitano. 

Máis tarde, poderemos gozar dun aperitivo no bar do mesmo cine. 

Venres, 17 de maio

As actividades do venres comezarán ás 11 h cunha Mesa de Persoas Socias de Referencia e o Padroado da Fundación Finanzas Éticas.

Ás 12 h, organizamos un acto na Facultade de Economía da Universidade de Valencia, onde explicaremos o concepto de finanzas éticas e presentaremos o grupo de Jóvenes x Fiare. 

Pola tarde, poderemos gozar dun concerto a cargo de Tomás de los Santos, cantautor valenciano, no Xardín Botánico de Valencia, a partir das 17 h. No auditorio do mesmo Xardín, ás 18 h, celebrarase a conferencia «Actores estratéxicos para transformar a sociedade», na que intervirán varios referentes da economía social e solidaria. Este acto, ademais, foi incluído entre os eventos da capitalidade da Economía Social de Valencia 2024.

Sábado, 18 de maio

O sábado reunirémonos dende as 10 h até as 16 h no emblemático Palau de les Arts de Valencia para celebrar a Asemblea. Este momento de encontro e participación realizarase de forma simultánea e en conexión coas persoas socias en Italia, reunidas este ano en Nápoles. Como o ano pasado, a asemblea combinará a súa parte máis formal con outra máis participativa de todas as persoas asistentes. 

Pola tarde, a partir das 18 h, terá lugar un dos eventos culturais máis destacados da xornada: poderedes gozar de visitas guiadas polo centro de Valencia, que correrán a cargo da entidade cliente e socia, a Coordinadora da Memoria Histórica. As persoas socias poderán elixir entre dúas visitas guiadas, a Valencia Republicana ou Centro de Valencia. Alternativamente, aquelas persoas que se queden tamén o domingo 19, poderán asistir a aquela que non realizaran o día anterior. 

Para pechar este encontro, propoñémosvos compartir unha cea no Centro de Cultura Octubre canda o resto de persoas socias, onde poderemos celebrar e terminar de gozar destas xornadas de participación.

Podes consultar o programa provisional completo aquí. Esperámosche en Valencia!