Eleccións ao Consello de Administración 2016

Eleccións ao Consello de Administración 2016

En 2016, a Asemblea de Persoas Socias deberá elixir o novo Consello de Administración. A Asemblea terá lugar en maio en Italia e España simultaneamente.  Durante a Asemblea, as persoas socias poderán votar a distancia por primeira vez, despois de se teren rexistrado.

A Asemblea de Persoas Socias do 28 de novembro de 2015 modificou a ruta electoral que nos permitirá definir os/as trece compoñentes do Consello, deixándoa definida no novo Regulamento da Asemblea e nos novos Estatutos.

A elección dos/as trece compoñentes do Consello de Administración terá lugar mediante votación de listas compostas por nove candidatas e candidatos, aos que se engadirán outros/as catro compoñentes elixidos/as por votación de preferencia de entre unha lista de candidatas e candidatos elixibles individualmente. Se unha das listas non resulta vencedora mais recibe un mínimo dun terzo dos votos, poderá nomear dous membros do Consello. Neste caso, o número de compoñentes que se poderá elixir da lista de candidatos/as individuais reducirase a dous.

Cada elector/a disporá así de dous votos: un para votar unha lista e outro para elixir un(ha) candidato/a individual.
Todas as candidatas e candidatos deben cumprir os requisitos determinados no presente documento.
As listas participativas, autónomas e os candidatos ou candidatas individuais deberanse pór en contacto co Comité Electoral instituído pola Secretaría Xeral de Banca Etica: segreteria.generale@bancaetica.com

As listas

As listas de candidatos/as ao Consello de Administración de Banca Etica poden ser participativas ou ben autónomas. O Regulamento prevé no seu artigo 20 que exista un mínimo dunha lista participativa. Todas as listas deberán estar compostas por 9 persoas.

As listas participativas

As listas participativas son aquelas que constitúe un Comité Promotor composto por unha persoa que se presenta como candidata ao posto de presidente/a e daqueles/as que comparten a súa visión de goberno do banco. Todos e todas as compoñentes do Comité Promotor deberán cumprir os requisitos para candidatos/as, malia que, en realidade, só poderá ser candidato/a quen se presente ao cargo de presidente/a.

O Comité Promotor deberá contar coa sinatura de apoio dun mínimo de 50 persoas socias e deberá presentar un programa co currículo de cada candidato ou candidata.
Cada lista participativa deberá obter o apoio de cando menos tres portadores/as de valor. Para a asemblea de 2016, estes apoios deberanse presentar antes do 25 de xaneiro de 2016.

Os/as portadores/as de valor poderán incluír candidatos/as na lista participativa que decidiran apoiar (véxase o Art.15 do Regulamento).
Calquera persoa socia poderase inscribir nunha lista participativa recollendo un mínimo de 50 sinaturas de persoas socias antes do 10 de febreiro do ano no que se celebran as eleccións.

As listas autónomas

Para a Asemblea de 2016, a data límite de presentación dunha lista autónoma será o 31 de marzo de 2016. Todas as listas autónomas deberán incluír nove candidatos/as ao Consello de Administración que cumpran os requisitos necesarios e deberán recoller un mínimo de 200 sinaturas de persoas socias, de cando menos dúas áreas territoriais, sendo 50 o mínimo de sinaturas por área. Achegaranse, xunto coa lista, o programa e o currículo de cada candidato/a, consonte o formato prefixado polo Consello de Administración, que se pode descargar aquí.

Lista de candidatos/as individuais

Ao Consello de Administración de Banca Etica tamén se poderán presentar candidatos/as individuais non inscritos/as en lista ningunha.
Esta lista recollerá:

  • todas aquelas persoas que non estean inscritas en ningún Comité Promotor nin foran candidatas nun Comité Promotor e se deran de baixa posteriormente, e que recolleran un mínimo de 50 sinaturas de persoas socias que as apoian;
  • todas aquelas persoas que, estando inscritas nas candidaturas formadas por un Comité Promotor, non estean incluídas na candidatura definitiva da lista unha vez terminadas as consultas preelectorais e que obtiveran cando menos 50 preferencias nesas consultas.

Descarga do modelo de curriculum vitae para a presentación dunha candidatura individual

Introduce varias direccións en liñas separadas ou separándoas con comas.

Preto de Fiare, preto de ti.