Artigo de Andrea Barolini para Valori
A Global Sumud Flotilla leva áncoras cara a Gaza para romper o bloqueo israelí e entregar axuda humanitaria: un xesto de resistencia moral que interpela a Occidente.

A partida da Global Sumud Flotilla, con decenas de embarcacións que tentarán romper o bloqueo naval imposto por Israel e abrir un corredor humanitario para lle facer chegar alimentos e produtos de primeira necesidade á poboación da Franxa de Gaza, non representa un desafío ao goberno de Netanyahu. Ou mellor dito, non só iso. Esa colorida, conmovedora, histórica frota que se dirixe ao único lugar asediado do mundo do que os civís nin sequera poden escapar é unha resposta a todas as vergoñentas, culpables e repugnantes omisións dos chamados gobernos “democráticos” de todo o mundo.
Escribíronse ríos de tinta –inutilmente– para lembrar a dobre moral utilizada pola Unión Europea e os países que a integran, así como por todo Occidente. Todos se mobilizaron cando se tratou de contrarrestar a agresión de Putin contra Ucraína, todos cruzados de brazos cando se tratou de defender unha poboación martirizada. Todos: Comisión de Bruxelas, gobernos europeos, Estados Unidos, OTAN. Ningún excluído.
Por suposto, algúns emitiron declaracións. Outros pedíronlle a Israel que se detivese. Pero, concretamente, ninguén fixo nada. E iso é, obxectivamente, repugnante. Nos feitos –porque iso é o que conta, non as palabras– decidiuse e séguese decidindo deixar que Israel faga o que queira na Franxa de Gaza (coas armas que nós lle vendemos, enriquecéndonos). E francamente é difícil non pensar que tamén estea relacionado co feito de que nese inferno só hai xente pobre e descoñecida (os máis “famosos” eran un futbolista e un puñado de valentes xornalistas, e xa acabaron con case todos), pouquísimos recursos naturais, poucos negocios: así que máis vale deixalos morrer. Despois quizais se poida repartir o megaresort/hub comercial co que soñan ao unísono o extremista Donald Trump e o “laborista” Tony Blair. E daquela si que aparecerán oportunidades de negocio.
É así como se razoou? Guiou a Occidente, unha vez máis, só a lóxica dos números, único faro deste absurdo sistema económico depredador? Ou é unha ilusión e todo é froito da imaxinación? E con todo, se así fóra, dígannos dunha vez, queridos responsables políticos: por que? Por que non actuaron? Por que non o fan nin sequera agora? Que máis ten que pasar na Franxa de Gaza para que decidan que é demasiado, e que sancións, boicots, interrupcións de relacións comerciais, diplomáticas e políticas se lle deben aplicar a Tel Aviv do mesmo xeito que se lle aplicaron a Moscova?

A Global Sumud Flotilla ten o valor de facer o que non fixeron os que nos gobernan: por que non a defenderán cando se achegue ás costas de Gaza? Israel advertiu de que os activistas serán arrestados e tratados como terroristas: permitirano? De verdade aceptarán que sexan detidos e encerrados en illamento quen sabe onde? Son cidadáns seus! E teñan moi claro que a política non ten absolutamente nada que ver con todo isto. Non é de esquerdas nin de dereitas levarlle caixas de alimentos a unha poboación asediada, salvar un neno de morrer de fame, de esgotamento ou dunha bala incrustada no cranio. Salvalo é non renderse, e vostedes evidentemente rendéronse. Salvalo é resistencia moral. É negarse a ser cómplice. Non actuar, en cambio, fainos corresponsables da peor expresión de inhumanidade desde Auschwitz-Birkenau. A historia haos de xulgar.
Fotografías de Marta Ruiz Jadraque
Fotografía de portada de Gulcin Bekar

Xustiza para o pobo palestino: o noso compromiso continúa
19.09.2025

Números e consellos útiles para as vacacións
01.07.2025

O BEI reúnese coas redes internacionais de financiamento ético
26.06.2025

Fiare e Coop57 únense nun novo espazo cooperativo en Barcelona
26.06.2025

Os GITS volvérono facer
28.05.2025

Solidez en máximos históricos, crecemento do crédito e auxe da recadación
27.05.2025