TAMAÑO DO TEXTO
ALTO CONTRASTE (LUZ)
ALTO CONTRASTE (ESCURO)
FONTES ACCESIBLES

Ética e cooperativa

Participación e gobernanza

O capital social explicado de forma clara e por que debería interesarche

O capital social explicado de forma clara e por que debería interesarche

O capital social explicado de forma clara e por que debería interesarche

O capital social para un banco ético e cooperativo representa o recurso financeiro primeiro e fundamental sobre o que se basea a súa actividade. Ao mercar accións de Banca Etica, non só estás facendo un investimento, senón que te convertes plenamente en socio ou socia do banco. E tomas unha posición clara: nun mundo no que a especulación financeira e a economía baseada en combustibles fósiles alimentan guerras, devastación ambiental e poñen en risco principios xurídicos que criamos definitivamente consolidados, elixir investir en finanzas éticas significa realizar un xesto pequeno pero moi poderoso para afirmar que outra economía é posible. Unha economía de paz, respectuosa co planeta e mais coas persoas que o habitan.

A importancia do capital social

Que é exactamente o capital social? Basicamente, é a suma das participacións de Banca Etica que posúe cada persoa ou organización socia. Así, un convértese en propietario/a do banco co capital social adquirido.

Trátase dun instrumento vital para un banco cooperativo que —a diferenza dos bancos tradicionais— non ten “grandes socios/as” maioritarios cuxo obxectivo sexa maximizar o beneficio para uns poucos accionistas. Banca Etica baséase nun accionariado popular e distribuído, co obxectivo de lles ofrecer servizos financeiros a persoas socias e clientas e de promover unha economía solidaria, limpa e desmilitarizada, a través dunha institución que conte cunha base patrimonial sólida.

Hoxe xa son case 50.000 os socios e as socias —máis de 8.700 deles persoas xurídicas— que tomaron esta decisión, e falta moi pouco para alcanzar o limiar dos 100 millóns de capital social.

Desde o punto de vista do banco, o capital social é o compoñente principal do chamado patrimonio de supervisión, que á súa vez é un parámetro fundamental para determinar a cantidade de crédito que o banco pode conceder segundo a normativa vixente. En resumo: canto máis robusto, amplo e crecente sexa o capital social, maior será a capacidade do banco de lles outorgar financiamento a proxectos e iniciativas aliñadas coa súa misión, como a economía social, a agricultura ecolóxica, as enerxías renovables, a inclusión e a cooperación social.

Un investimento que xera valor compartido

A compra de accións dun banco ético e cooperativo como Banca Etica é un investimento financeiro en todos os sentidos. Non é unha doazón, aínda que o rendemento monetario non sexa o obxectivo principal dos que invisten nun banco ético. A diferenza dun banco tradicional, onde a especulación pode ser unha forma de investimento, o valor xerado aquí non é só económico, senón tamén social.

Quen merca accións e se converte en socio/a contribúe a unha dobre dinámica:

Para si mesmo/a: realiza un investimento financeiro que tamén xera beneficios económicos.
Para a comunidade: reforza o patrimonio de Banca Etica, permitíndolle outorgar máis crédito a proxectos cun impacto social e ambiental positivo.

Polo tanto, se subscribes capital social de Banca Etica, convérteste en parte activa dun proxecto que aspira a unha economía máis xusta e sostible, transformando o teu aforro nunha ferramenta de cambio.


A seguir, todas as respostas ás preguntas sobre o capital social:

1. Por que debería mercar accións de Banca Etica?

Fiare Banca Etica é o primeiro e único banco ético cooperativo e forma parte das principais redes internacionais do sector (Global Alliance for Banking on Values e Febea). Nese sentido, exclúe do seu financiamento sectores nocivos e controvertidos como a produción e o comercio de armas; a enerxía procedente de combustibles fósiles; a gandaría e agricultura intensiva; a especulación inmobiliaria e financeira. Financia proxectos de persoas, organizacións e empresas que queren xerar impactos positivos para o medio natural, a inclusión e a solidariedade. Mercando accións de Banca Etica apoias o crecemento do capital social e, ao reforzar a súa solidez patrimonial, permites que o banco lle conceda cada vez máis crédito a esta economía virtuosa.

Ademais, ao mercar accións convérteste en socio ou socia do banco, con dereito a participar en asembleas, grupos de iniciativa territorial, mobilizacións e iniciativas formativas para unha economía e unhas finanzas cada vez máis inclusivas. Como socio/a —a título persoal ou a través da túa organización— tamén poderás gozar dos servizos financeiros do banco con custos reducidos e outros beneficios.

2. Canto custan as accións de Banca Etica?

As accións de Banca Etica teñen actualmente un valor de subscrición de 63 euros cada unha. Para os que aínda non son socios/as, o mínimo para adherirse é de 5 accións.

3. Onde se mercan as accións de Banca Etica?

Fiare Banca Etica non cotiza nun mercado de negociación. As accións pódense mercar a través da túa área de cliente, a través da banca en liña.

4. As accións de Banca Etica ofrecen un rendemento?

Ata agora Banca Etica, aínda que o permite o seu estatuto, nunca distribuíu beneficios económicos. A asemblea de socios decide anualmente se distribuír ou non os eventuais beneficios, que ata agora sempre se destinaron integramente ao reforzamento patrimonial do banco e ao desenvolvemento do seu crecemento. A asemblea tamén establece periodicamente o valor de subscrición e de recompra das accións. Nos últimos 18 anos, o valor das accións creceu, a través do mecanismo de sobreprezo aprobado nas asembleas, de 52,50 € aos 63 € actuais (+20%).

5. Son seguras as accións de Fiare Banca Etica? E se preciso recuperar o diñeiro investido?

É posible revenderlle as accións ao propio banco, xa que non cotizan en ningún mercado de negociación. As solicitudes de venda execútanse directamente polo banco utilizando un fondo propio de recompra de accións, segundo o previsto polo artigo 2529 do código civil italiano, dentro dos límites de dispoñibilidade do fondo e das eventuais restricións fixadas pola autoridade de supervisión. É importante lembrar que a compra de accións de Banca Etica representa un investimento no chamado “capital de risco” do banco, cos riscos coñecidos, incluído o máis severo: a perda total do capital investido. A recompra non está garantida nin é inmediata.

Nos seus 26 anos de historia, Banca Etica sempre atendeu as solicitudes das persoas socias que quixeron vender total ou parcialmente as súas accións; con todo, o ocorrido no pasado non garante que suceda igual no futuro. Para máis detalles, recoméndase consultar a política de Banca Etica.

6. Que impactos concretos podo xerar mercando accións de Banca Etica?

Ao subscribir capital social, permíteslle a Banca Etica reforzar a súa solidez patrimonial e, xa que logo, aumentar a capacidade de lles conceder crédito a organizacións do terceiro sector e empresas da economía social que traballan en ámbitos como a protección do medio natural; a loita contra o cambio climático; o rescate e acollida de persoas migrantes; a agricultura ecolóxica e social; a inserción laboral de persoas vulnerables; o turismo responsable; a promoción do deporte e a cultura; a loita contra a usura e o crime organizado e a cooperación social e internacional.

As finanzas éticas non son beneficencia. Mercar accións de Banca Etica significa adquirir un instrumento financeiro que permanece na túa posesión e cuxo valor pode crecer co tempo, en función do desenvolvemento e consolidación do banco, mentres se converte en motor de desenvolvemento para a economía social e para un mundo máis parecido ao que desexamos.

Fiarebancaetica.coop/productos/socios/

Anuncio sobre a oferta pública de accións de Banca Popolare Etica. Antes da adhesión, le o folleto informativo dispoñible na sede legal, nas filiais e nos/as asesores/asesoras financeiros/as de Fiare Banca Etica ou na sección Oferta Pública de Accións desta páxina web. A aprobación do folleto por parte de Consob non se debe entender como unha aprobación dos valores ofertados.