TAMAÑO DO TEXTO
ALTO CONTRASTE (LUZ)
ALTO CONTRASTE (ESCURO)
FONTES ACCESIBLES

Ética e cooperativa

Participación e gobernanza

Encontro anual de FEBEA 2025 en Thun: dous días entre montañas e reflexións

Encontro anual de FEBEA 2025 en Thun: dous días entre montañas e reflexións

Encontro anual de FEBEA 2025 en Thun: dous días entre montañas e reflexións

Espertabamos o 1 de outubro cun día inusualmente soleado para un lugar como Thun, rodeada de montañas e coas vistas dos Alpes no horizonte. As Mozas de Fiare presentes viñamos desde diferentes partes de España, con sono no corpo pero curiosidade nas veas, preguntabamonos que nos esperaba no encontro. Sabiamos que nos iamos atopar con máis xente que, coma nós, cre que as finanzas poden ser unha ferramenta ao servizo da vida. E si, iamos falar de finanzas éticas, pero tamén de comunidade, de valores e de como construírmos alternativas nun sistema que normaliza a guerra, a explotación e a destrución do planeta en nome do crecemento.

Día 1 – Sementando unha nova xeración de finanzas éticas

O día comezou cunha tarefa un pouco awkward: procurar os nosos nomes nas etiquetas para colgalas do pescozo. Confeso que esas credenciais te fan sentir importante de súpeto, coma se xa formaras parte da xunta directiva de Fiare Banca Ética, pero en realidade só estás intentando que non che caia o café enriba. A xornada dividíase en dúas: por unha banda, a asemblea xeral de FEBEA, onde se reunían os membros oficiais de cada unha das entidades financeiras; por outra, o noso propio encontro paralelo de mozos sobre o papel das novas xeracións nas finanzas éticas. Que levamos á casa da sesión? Un novo grupo de Mozos polas Finanzas Éticas en Europa! Por agora chamada FEBEA Youth Group. A nosa sorpresa foi comprobarmos que os únicos grupos novos activos ligados directamente a institucións eran JxF e Xenética (o grupo de mozos de Banca Ética en Italia). Con todo, as preocupacións eran compartidas: a falta de estratexia para conectar con público mozo, falta de espazos onde haxa escoita compartida e a necesidade de transformar o “more youth engagement” en “real youth empowerment”. Decatármonos disto axudounos a reflexionar sobre a importancia de crear unha rede europea de mozos que apoien, cuestionen e difundan as finanzas éticas. Se queremos unha remuda xeracional real, necesitamos construír redes, aprender unhas doutras e abrir a porta a máis voces, non só expandíndose xeograficamente ao leste e sueste de Europa senón tamén cara ás comunidades que seguen á marxe das finanzas tanto tradicionais coma éticas. 

Despois da comida, a xornada volvía dividirse pero esta vez en catro obradoiros diferentes: Un sobre Instrumentos de financiamento e apoio para institucións financeiras, outro de Gobernanza e a xestión sociocrática dun banco como ABS, outro Navegando oportunidades de financiamento da UE para innovación social e aproveitar a IA na presentación de proxectos e o cuarto e último sobre Comunicación e advocacy.

Foi especialmente interesante descubrir como un banco consolidado podía organizarse de forma colaborativa en todos os seus niveis. ABS, con máis de 100 empregados, utiliza a sociocracia como sistema de gobernanza. É un sistema horizontal, onde o liderado está distribuído entre diferentes círculos que teñen ámbitos de responsabilidade específicos e están vinculados entre si. Tampouco se decide por consenso (o que adoita alongar moito as reunións), senón por consentimento: a decisión avanza se non hai obxeccións con peso, en lugar de esperar que todo o mundo estea completamente de acordo. A diferenza é sutil pero clave: o consenso busca a unanimidade e pode lentificar os procesos; o consentimento acepta avanzar se ninguén presenta obxeccións, priorizando a acción sen sacrificar a participación. Apréndese facendo, e os roles importan máis ca os títulos.

Pola tarde, tivemos unha visita guiada por Thun. A cidade parece sacada dunha postal: un lago de cor verde cristalino, os Alpes vixiando desde o fondo e unha contorna en que se respira tranquilidade. Descubrimos que os suízos, aínda que non teñan mar, surfean no río. Si, con táboa e todo. Pechamos o día cun aperitif e unha cea colectiva onde as conversacións ían desde que obradoiro gustou máis ata ocupas activas en Bruxelas. 

Día 2 – De megatendencias, cafés e risas improvisadas

O segundo día empezou forte, cunha charla de Pedro M. Sasia Santos, presidente de FEBEA, que nos lembrou que “Non pode haber sostibilidade sen paz. E non pode haber paz sen equidade, inclusión e solidariedade “.

Despois interveu Nicole Bardet, de ABS, que falou sobre o reto de manter a coherencia ética. A seguir, Roger Spindler, do Future Institute de Frankfurt, falounos da megatendencia da educación e de como os cambios mediáticos están reconfigurando a forma en que aprendemos e participamos. A continuación, Marek Hudon, de Finance Watch ofreceu unha reflexión crítica sobre o futuro das finanzas éticas, poñendo o foco na necesidade de que a medición do impacto vaia acompañada de cambios na distribución do poder e na gobernanza dos investimentos. 

Máis tarde celebrouse unha mesa redonda sobre as estratexias futuras das institucións financeiras éticas, moderado por Daniel Sorrosal, secretario xeral de FEBEA. Participaron representantes de ABS, GLS Bank, Crédal e a Fundación de Comunidade de Messina. Entre todos compartiron visións distintas pero complementarias sobre como seguir sendo fieis aos valores éticos sen deixar de adaptarse aos cambios globais.

Pola tarde chegou un dos nosos momentos faves: o World Café. Varias de nós estivemos axudando a facilitar esta dinámica. A idea é sinxela pero potente: compartir un café mentres se responden preguntas clave e se xeran ideas colectivas.

Cada mesa tiña unha pregunta diferente, para totalizar tres preguntas claves. Estas preguntas xiraban arredor dos desafíos sociais e ecolóxicos prioritarios, as formas de conectar con comunidades novas e marxinalizadas, e a creación de novos produtos financeiros éticos. As mesas enchéronse de cores, notas e debates intensos, e xerouse un ambiente xenuíno de curiosidade mutua e apertura entre as persoas participantes, foi realmente xenial. As respostas foron tan diversas coma inspiradoras: falouse de xustiza climática, accesibilidade, transparencia, educación financeira comunitaria, escoita activa interxeneracional, entre outros moitos temas. Unha das conclusións máis repetidas foi que as finanzas éticas deben volver ser ferramentas de transformación e non só alternativas éticas dentro do sistema existente.

O peche do día foi pura arte: o grupo ImproNauten, un colectivo suízo de improvisación teatral, fíxonos rir, reflexionar e recoñecernos nas escenas que recreaban sobre a economía. Rematamos cunha foto grupal e como non, outro aperitif que se alongou entre risas e promesas de colaboración.

Reflexión final

Volvemos de Thun coa cabeza chea de ideas e o corazón algo máis grande. Pero tamén con preguntas: como abrimos máis este movemento? Nas finanzas éticas aínda somos poucas e o relevo xeracional é urxente. Como lograr que máis persoas novas e comunidades máis marxinalizadas atopen aquí un espazo propio, onde a súa voz conte? Hai moito por facer, si. Pero se algo levamos destes días é que as finanzas éticas en todas as súas formas non son unha utopía afastada, senón un proceso vivo que funciona, e unha rede de persoas que cada día proban, aprenden e constrúen novas formas de canalizar recursos cara a proxectos que coidan da vida en todas as súas formas.