Artigo escrito por Aldo Soldi, presidente de Banca Etica
A case tres meses da renovación do consello de administración de Banca Etica, que teño a honra e mais a responsabilidade de presidir, compráceme compartir con todos vostedes unha primeira actualización sobre os avances e os proxectos previstos para o futuro a curto prazo do noso banco.
En primeiro lugar é necesario e urxente expresar a dor que o consello de administración e toda a comunidade do Grupo Banca Etica sente cara ao horror que se está perpetrando contra a poboación palestina. Esta situación, inaceptable e dunha violencia inaudita, continúa con impunidade ante a indiferenza de moitas institucións. Invitamos a todas as persoas socias e clientas a que sigan facendo oír a súa voz nos foros, redes sociais, crear redes con outras persoas ou organizacións e apoiar as iniciativas humanitarias. Xuntos e xuntas podemos manter viva a esperanza de que se poida deter o xenocidio: debémosllelo a millóns de civís inocentes; debémosllelo ás xeracións futuras. O primeiro semestre de Banca Etica concluíu con resultados positivos, o que confirma a forte demanda, tanto en Italia coma en España, de servizos financeiros éticos nesta fase xeopolítica tan complexa. Conflitos armados que non cesan, a carreira armamentística, a crise climática, os aranceis e as ameazas de guerras comerciais empuxan un número cada vez maior de persoas a achegarse ás finanzas éticas para satisfacer as súas necesidades financeiras e posicionarse a prol dunha economía desarmada, que coida as persoas e o medio natural.
Estes resultados anímannos a seguir adiante con maior compromiso no noso apoio á economía social, composta por decenas de miles de entidades que combinan obxectivos sociais e ambientais coa eficiencia económica.
É especialmente significativo o dato relativo ao crecemento do financiamento que lles concedemos a particulares, empresas e organizacións, un crecemento que alcanzou o 5,3% desde principios de 2025. Obtivéronse excelentes resultados na captación directa de aforro, que alcanzou un 3,5%.
Tamén é positiva a colocación dos fondos de Etica Sgr. É unha actividade que leva a cabo proxectos de cambio e innovación, coa internalización da xestión dos fondos mediante a adquisición de IMPact Sgr, que está a avanzar no proceso de autorización, e co investimento nunha rede máis ampla de asesores financeiros de finanzas éticas.
Ademais, CONSOB acaba de autorizar a publicación do novo folleto informativo, que abre un novo período de oferta para a emisión das accións do Grupo Banca Etica: desde principios de ano, o capital social creceu un 4,2% e démoslle a benvida a máis de 1000 novas persoas socias.
Polo tanto, as cifras reconfórtannos e confirman que o noso banco se atopa nunha sólida traxectoria de crecemento e fortalecemento das finanzas éticas.
O outono marcará o inicio de novos proxectos que xurdirán a partir do formulado no animado debate preelectoral que tivo lugar na Asemblea de Persoas Socias 2025. Con vivacidade e desexo de diálogo, o novo consello de administración iniciou a súa actividade, decidido a converter esa enerxía nun recurso valioso para o desenvolvemento do grupo, apoiándose no seu gran compromiso e competencia.
Estamos a traballar nun plan para involucrarmos o maior número posible de persoas socias, que parta da estrutura participativa existente, pero que vaia máis aló, promovendo unha serie de reflexións sobre temas cruciais para o desenvolvemento do noso banco. O proceso de escoita entre a base social e o banco abarcará as normas de gobernanza e as actividades da vida asociativa do Grupo Banca Etica.
Para mediados de setembro, temos prevista unha reunión conxunta dos consellos de administración do banco e de Etica sgr; serán dous días intensos de debate estratéxico sobre o futuro das finanzas éticas e do Grupo.
A reflexión sobre os dilemas éticos segue viva. Mentres o Grupo Banca Etica crece nun mundo cada vez máis complexo, afrontamos sen medo os temas controvertidos que impulsan o noso debate e fortalecen a nosa misión. Seguimos firmes en construír un sistema económico máis xusto, respectuoso co medio natural e os dereitos humanos, e capaz de competir como alternativa real ás finanzas especulativas.
Espérannos meses de traballo intenso e apaixonante, cun diálogo honesto e sincero. Afrontarémolos unidos e unidas, coa certeza de que queremos un Banco Ético que responda cada vez mellor ás necesidades financeiras da maior parte da sociedade.
Namentres, deséxolles a todos e todas un feliz verán.
Aldo Soldi, presidente de Banca Etica

Encontro de Rede en Murcia
30.09.2025

Finanzas éticas para a economía cooperativa
13.08.2025

Os valores do cooperativismo son transversais a toda a actividade do banco
11.07.2025

Os GITS volvérono facer
28.05.2025

A asemblea de Banca Etica aproba o balance 2024, renova o Consello de Administración e elixe a Aldo Soldi como novo presidente
21.05.2025

Descobre o programa da Asemblea 2025 en Madrid
20.03.2025