TAMAÑO DO TEXTO
ALTO CONTRASTE (LUZ)
ALTO CONTRASTE (ESCURO)
FONTES ACCESIBLES

Finanzas Éticas

Todas as novidades sobre as finanzas éticas

O BEI reúnese coas redes internacionais de financiamento ético

O BEI reúnese coas redes internacionais de financiamento ético

O BEI reúnese coas redes internacionais de financiamento ético

Artigo de Andrea Baranes, membro do board of directors de Febea

O 5 de xuño celebrouse en Bruxelas a reunión “Ethical banking for more social impact in Europe” organizada polo Banco Europeo de Investimentos (BEI) en colaboración coa Federación Europea de Bancos Éticos e Alternativos (Febea) e a rede mundial de bancos éticos Global Alliance For Banking On Values (GABV).

Traballar xuntos pola economía social e o ben común: esta é a principal mensaxe que xurdiu da xornada.

Nas súas palabras iniciais, a vicepresidenta do BEI, Gelsomina Vigliotti, lembrou que é esencial traballar coas finanzas éticas para facer realidade algunhas das prioridades da axenda europea: retos sociais, impulsar a economía circular, fomentar a inclusión ou a loita contra o cambio climático.

Durante as intervencións fíxose referencia en reiteradas ocasións ao acordo entre o BEI e Banca Etica que permitirá conceder créditos por máis de 165 millóns de euros a favor dos que acostuman a quedar excluídos dos circuítos financeiros, especialmente mulleres, persoas migrantes ou organizacións do terceiro sector.

Aínda que a concesión de créditos é a parte fundamental deste acordo, os obxectivos van máis aló. Hai que medir en termos de inclusión, crecemento de competencias, de creación de comunidades e consolidación de redes.

Como explicou Raffaella De Felice, conselleira de administración de Banca Etica, o éxito do proxecto reside no acrónimo CIAO: Capacity building; Innovation; Accountability; Objectives and obstinacy. Demostrar a profesionalidade e a eficiencia, establecer obxectivos desafiantes e innovadores e informar con transparencia do que se logrou.

As institucións europeas expresaron a súa ambición de que este acordo de colaboración entre o Banca Etica e o BEI non sexa só un acordo excepcional, senón que se tome como modelo para impulsar que outros bancos membros de Febea e Gabv poidan establecer alianzas. As finanzas éticas non deben ser unha alternativa residual senón unha parte fundamental do sistema económico e financeiro.

Como se destaca no último Informe sobre Finanzas Éticas en Europa, promovido pola Fundación Finanzas Éticas, Fondazzione Finanza Etica e Febea, os bancos éticos concédenlle máis crédito á economía real que a media do sistema bancario. Pero alén dos números, danlles crédito principalmente a entidades que están dentro do circuíto da economía social. Organizacións con necesidades que requiren unha atención especial, ou instrumentos financeiros que se adapten ás súas características, como subministración de liquidez, garantías…

A Comisión Europea e o BEI desenvolveron algúns destes instrumentos pero cómpre seguir adaptándose para as necesidades específicas da economía social. Por este motivo é fundamental que as finanzas éticas traballen coas institucións europeas, para colaborar activamente no deseño e a promoción de medidas que favorezan o noso sector.

Cada vez máis, as finanzas éticas son un actor e interlocutor en relación coas institucións europeas. As finanzas éticas están forxando unha traxectoria de alianza coas institucións europeas. O acordo entre Banca Etica e o BEI representa un punto de inflexión que dá exemplo do camiño que as finanzas éticas debemos ir seguindo aos poucos.

Foto: BEI

Foto de Fang Guo en Unsplash