Responsabilidade social | Fiare Banca Etica

Responsabilidade social

O Código Ético

O Código Ético representa unha «Constitución» ou «contrato social» coas persoas implicadas en Banca Etica. Define o horizonte ético no que se desenvolve o Banco, establecendo criterios de igualdade e xustiza, valores de referencia, principios xerais e pautas que o banco adopta nas súas relacións coas persoas interesadas.
Expresa os principios contemplados no artigo 5 do Estatuto e inspírase no Manifesto das Finanzas Éticas e no Manifesto de Banca Etica.

Baséase nos seguintes valores, que se identifican e enuncian de xeito claro e preciso:

  • centralidade da persoa, entendida como vínculo fundamental da acción de Banca Etica, que recoñece, respecta e tutela á persoa;
  • igualdade, que se concreta nunha xusta repartición da riqueza e dos recursos;
  • responsabilidade, entendida como a atención constante da organización e de todas as persoas colaboradoras ás consecuencias non económicas das accións económicas, é dicir, ás repercusións sociais e ambientais da actividade de intermediación financeira e emprendedora;
  • transparencia, entendida como un estilo que caracteriza as relacións e a comunicación de Banca Etica coas persoas interesadas;
  • cooperación, entendida como a consciencia de que o ben común só pode ser alcanzado grazas ao compromiso de todos e todas;
  • solidariedade, entendida como a capacidade de captar as inquedanzas das persoas que están efectivamente nunha situación desfavorecida e como compromiso para atopar solucións de interese común, a beneficio das persoas máis necesitadas;
  • participación, entendida como o recoñecemento do dereito das persoas socias, colaboradoras e aforradoras na toma de decisións;
  • sobriedade, entendida como o estilo de vida orientado a satisfacer requisitos fundamentais de cada persoa, baseado en diminuír o consumo de mercadorías e recursos;
  • eficiencia e eficacia, entendidas como o uso óptimo dos recursos para ofrecer o maior beneficio a todas as persoas interesadas no momento de perseguir os obxectivos declarados coa máxima dilixencia;

• O Código Ético, elaborado por unha comisión específica, foi aprobado en 2010 pola Asemblea de Persoas Socias, converteuse nunha norma de referencia para as persoas responsables da administración, aquelas que traballan en nome e por conta do banco e todas as interesadas.

Para descargar o Código Ético en formato pdf, fai clic aquí.

Para verificar a aplicación, creouse un comité específico denominado Organismo de vixilancia.


O organismo de vixilancia (OdV)

Supervisa a aplicación do Código ético e a conformidade co decreto lexislativo italiano nº 231/01.
Respecto do Código Ético, o OdV encárgase de:

  • promover iniciativas encamiñadas á divulgación, difusión e aplicación do Código Ético;
  • vixiar o cumprimento e respecto do Código Ético por medio do sistema de control do banco e por medio de sistemas específicos de sinalización;
  • propor ao Consello de Administración, despois de ter consultado ao Comité Ético, sancións no caso de graves violacións do Código Ético;
  • supervisar o funcionamento e adecuación do Código Ético;
  • propor á Asemblea de Persoas Socias, despois de ter escoitado a opinión do Consello de Administración e do Comité Ético, a posible adaptación;
  • informar periodicamente ao Consello de Administración e ao Comité Ético sobre o estado aplicable do Código Ético;
  • respecto do decreto lexislativo nº 231/01, o OdV verifica a aplicación e o cumprimento do modelo de xestión e control encamiñado a previr os delitos recollidos nese decreto.

O Organismo de Vixilancia está formado por:

  • Un membro nomeado polo Consello de Administración con requisitos de independencia axeitados, actualmente: Fabio Silva, Presidente do OdV;
  • Un membro do Comité de Auditores, actualmente Giuseppe Chiacchio;
  • O responsable da función de Internal Audit, actualmente Enrico Scapin;
  • O responsable da función de Compliance, actualmente Francesco Pacchin;
  • Un membro do Comité Ético do banco, actualmente Francesco Di Giano.

O OdV efectúa unha actividade propia e autónoma de auditoría e control, consonte as indicacións recibidas das persoas interesadas. Se desexa pórse en contacto co Organismo de Vixilancia, pode facelo a través dos seguintes enderezos:

  • Por correo electrónico: organismodivigilanza@bancaetica.com;
  • Por correo postal ao Presidente do OdV: Banca Popolare Etica scpa - Via N. Tommaseo, 7 - 35131 PADOVA

Valor social

A nosa acción operativa e cultural céntrase na Responsabilidade social corporativa.
Entre as distintas ferramentas contamos coa certificación do Valor social por ICEA (Instituto para a Certificación Ética e Ambiental) encargado de verificar a conformidade cos requisitos do estándar.
O estándar do Valor social está conforme ao sistema de certificación internacional SA 8000 e as normas ISO 26000 e prescribe, a diferenza doutros instrumentos, a supervisión do risco en toda a cadea e o uso de ferramentas de prevención do impacto negativo da actividade produtiva nos dereitos humanos, aspectos sociais e ambientais.
Trátase dunha marca de calidade en cuestións de Responsabilidade social corporativa, realizada tras máis de catro anos de estudos específicos e numerosas consultas entre as persoas interesadas que implicaron as principais partes sociais, académicas e institucionais.
Estes son os obxectivos do estándar do Valor social:

  • promover no ámbito económico o desenvolvemento social, a igualdade de oportunidades, a tutela do medio ambiente, o respecto e promoción dos dereitos fundamentais;
  • favorecer o crecemento e o desenvolvemento dun mercado transparente, solidario e xusto;
  • sensibilizar ás organizacións e á cidadanía sobre os temas da responsabilidade social e promover a difusión dun comercio xusto.

O valor social, consonte o principio de avaliación das «consecuencias non económicas das accións económicas» propio das finanzas éticas, aplícase aos seguintes grupos de interese:

  • traballadoras/es
  • accionistas
  • clientela
  • consumidoras/es
  • provedoras/es
  • acredoras/es
  • comunidades locais e nacionais
  • asociacións
  • institucións públicas
  • xeracións futuras

É un estándar que aborda todos os aspectos da responsabilidade dunha organización: social, ambiental e económica.
En concreto, os ámbitos supervisados son:

  • a comunidade (o respecto das comunidades locais, a seguridade e protección das páxinas web corporativas, programas de desenvolvemento e promoción social);
  • o traballo (política de non discriminación, traballo de menores, traballo forzoso, liberdade de asociación e negociación colectiva, política salarial, saúde e seguridade, horario de traballo, desenvolvemento de competencias);
  • o consumo (protección da cidadanía e das consumidoras/es);
  • o medio ambiente (protección ambiental);
  • o mercado (relacións de subministro, loita contra a corrupción, competencia, venda e distribución, xestión financeira responsable).

Reclamacións inherentes ao estándar do Valor social
No caso de situacións ou acontecementos non conformes co previsto polo estándar, é posible enviar unha reclamación a ICEA, que se encargará de:

  • indagar se a reclamación ou queixa é fundada;
  • comunicar á persoa interesada a recepción nun prazo de 5 días hábiles;
  • rexistrar a queixa no Rexistro «Reclamacións»;
  • levar a cabo, a través dos/as responsables interesados/as, todas as actividades necesarias para identificar e recompilar os datos necesarios para demostrar os feitos e a suposta responsabilidade de ICEA;
  • pór en marcha accións correctivas, implicando aos/ás responsables interesados/as;
  • rexistrar correctamente as modalidades de xestión e solución da queixa, inclusive o control da eficacia das accións correctivas/preventivas emprendidas;
  • comunicar estes resultados finais ao reclamante ou ás persoas interesadas nun prazo máximo de 30 días hábiles a partir da recepción da reclamación.

A reclamación pode ser presentada por calquera persoa enviando un correo a reclami@icea.info, indicando nome e apelidos, enderezo de correo electrónico, teléfono, motivo da reclamación.
O Instituto para a Certificación Ética e Ambiental garante a confidencialidade da persoa que realiza a reclamación.


Auditoría socio-ambiental

Banca Etica é o primeiro banco italiano que conta con auditoría socio-ambiental na avaliación do mérito crediticio. Trátase dunha análise orientada a recompilar e avaliar a información de carácter social e ambiental relativa a organizacións e entidades que piden un empréstito.
En concreto, esta ferramenta complementa a análise económica e financeira, ofrecendo claves para determinar o valor social da actividade a financiar, a coherencia cos principios inspiradores do banco e a credibilidade do suxeito a financiar, representando tamén a ocasión para comunicar e transmitir os valores das finanzas éticas e da economía civil.


O Avaliador Social

O Avaliador Social é unha persoa voluntaria inscrita no Rexistro de Avaliadores Sociais.
Desempeña as seguintes tarefas:

  • procurar e recompilar información sobre a organización que pediu o empréstito;
  • visitar o cliente que pide unha liña de crédito;
  • coñecer a posición oficial da coordinación da circunscrición territorial das persoas socias;
  • redactar un informe sintético a partir da información recompilada;
  • dar a súa opinión.

Para ser Avaliador(a) Social, é preciso:

  • ser socio/a de Banca Etica desde cando menos hai un ano;
  • ser socio/a activo/a na circunscrición territorial das persoas socias;
  • ter don de xentes;
  • dispor de tempo.

Ferramentas para a responsabilidade social

  • Código Ético
  • Balance Social
  • Valor Social
  • Avaliación Ético-Social do financiamento das Persoas Xurídicas
  • Modelo de organización e xestión

Preto de Fiare, preto de ti.