TAMAÑO DO TEXTO
ALTO CONTRASTE (LUZ)
ALTO CONTRASTE (ESCURO)
FONTES ACCESIBLES

Ética e cooperativa

Participación e gobernanza

A asemblea de Banca Etica aproba o balance 2024, renova o Consello de Administración e elixe a Aldo Soldi como novo presidente

A asemblea de Banca Etica aproba o balance 2024, renova o Consello de Administración e elixe a Aldo Soldi como novo presidente

A asemblea de Banca Etica aproba o balance 2024, renova o Consello de Administración e elixe a Aldo Soldi como novo presidente

A asemblea anual de persoas socias de Banca Etica aprobou o balance correspondente ao exercicio 2024, que se pechou cun beneficio consolidado de 16,1 millóns de euros, e renovou os órganos sociais da entidade.

Un dos principais cambios é a elección de Aldo Soldi como novo presidente do Consello de Administración. Soldi sucede a Anna Fasano, que conclúe un mandato de seis anos no que tamén desempeñou os cargos de vicepresidenta e conselleira de administración.

A votación levouse a cabo tanto de forma presencial —nas sedes de Madrid e Bolonia— coma en liña. As persoas socias puideron elixir entre dúas listaxes de cadansúas oito candidaturas, así como entre cinco candidaturas independentes.

A listaxe máis votada foi “Lista participativa para un Banco Ético, inclusivo e dialogante”, que obtivo o 87,06% dos votos. A listaxe alternativa “Re:start Banca Etica 2025” recibiu o 12,94%.

Entre as candidaturas individuais, foron elixidas Beatriz Fernández Olit, Lucia Cagnazzo e Gaetano Giunta, que formarán parte do novo Consello de Administración.

Un Consello con maioría feminina

O novo Consello de Administración, que liderará Banca Etica durante os próximos tres anos, está integrado maioritariamente por mulleres. Os seus membros son:

  • Aldo Soldi, presidente
  • Alessandra Barlini
  • Roberta Conte
  • Raffaella de Felice
  • Stefano Granata
  • Federica Ielasi
  • Luciano Modica
  • Alberto Puyo
  • Beatriz Fernández Olit
  • Lucia Cagnazzo
  • Gaetano Giunta

A participación na asemblea alcanzou aproximadamente o 15% do total de socios e socias.

Perfil do novo presidente

Aldo Soldi conta cunha ampla traxectoria no ámbito do cooperativismo e as finanzas éticas. Presidiu importantes cooperativas en Italia, dirixiu Coopfond, foi vicepresidente de Cooperfidi Italia e formou parte de varios consellos de administración de entidades financeiras. Actualmente, é membro do consello do Consorcio Libera Terra Mediterraneo e, desde 2022, exercía como vicepresidente de Banca Etica.

Nas súas primeiras declaracións como presidente, Soldi expresou o seu agradecemento pola confianza depositada:

“Agradézolles ás persoas socias de Banca Etica que me deron confianza para dirixir o noso banco nos próximos 3 anos. Como nos lembraron durante a asemblea don Mattia Ferrari, de Mediterranea Saving Humans e Yolanda Díaz Pérez, ministra de Traballo e Economía Social: o mundo necesita cada vez máis as finanzas éticas. Nos seus 26 anos de historia, o Grupo Banca Etica creceu moito, e estamos dispostos a continuar este camiño co compromiso de poñermos as finanzas ao servizo dunha economía máis atenta ao medio natural, a paz e os dereitos humanos”, declarou Aldo Soldi xusto despois de ser proclamado como novo presidente.

Intervención internacional e compromiso ético

Durante a asemblea tamén interveu Adnan Faramand, director de Acad Finance, entidade palestina apoiada por Banca Etica. Faramand agradeceu o compromiso do banco coa paz e a súa política de boicot ás armas: “O pobo palestino ten dereito a vivir en paz coma calquera outro. O voso rexeitamento para financiar armamento dános esperanza”, declarou.

Resultados financeiros destacados

O balance de 2024 reflicte unha clara consolidación financeira do Grupo Banca Etica:

  • ● Beneficio consolidado: 16,1 millóns de euros
  • ● Patrimonio neto: 196,4 millóns de euros (+ 9,5% respecto a 2023)
  • ● CET1: 21,0% (vs. 19,9% en 2023)
  • ● Total capital cociente: 25,3% (vs. 24,2% en 2023)

Nun contexto en que a banca tradicional reduciu o seu volume de créditos, Banca Etica rexistrou un aumento do 4,4% en créditos á economía social, fronte a unha contracción do -1,6% no sistema bancario xeral. Ademais, a captación de aforro ascendeu a 2.609 millóns de euros (+4,6%), superando amplamente a media do sector (+2,4%).

Renovación doutros órganos

  • Xunta de revisión, presidido por Paolo Salvaderi; membros efectivos: Paola La Manna e Giorgio Iacobone. Membros suplentes: Federica Mantini e Ilario Novella.
  • Colexio de árbitros, conformado por Alberto Hoch, Maria Stella Amato e Miguel Salinas. Contará con membros suplentes: Paolo Rigamo e Tatjana Cinquino.