Un artigo en El Salto
Nun sistema financeiro onde poucas entidades explican que fan co diñeiro que xestionan, en Fiare Banca Etica construímos unha alternativa baseada na transparencia, a participación e o impacto social. Levo cinco anos traballando aquí, e hai unha pregunta que poucas veces facemos: que fai o meu banco co meu diñeiro?
Maite Soriano, traballadora de Fiare Banca Etica
Pensaba que todas as entidades funcionaban máis ou menos igual. Que o diñeiro estaba aí, gardado, e xa. É unha pregunta que a maioría da xente non fai. Domicíliase a nómina, págase coa tarxeta, pídese unha hipoteca se fai falta. O que o banco fai despois con ese diñeiro poucas veces entra na conversa.
Nacemos dos que non atopaban o que buscaban
Fiare Banca Etica non xurdiu dun plan de negocio. Xurdiu dunha necesidade concreta: a principios dos 2000, un grupo de particulares, cooperativas e entidades sociais buscabamos unha alternativa á banca convencional. E a solución que atopamos foi construírmos unha propia.
Hoxe, máis de dúas décadas despois, operamos con licenza bancaria en España e Italia, somos máis de 50.000 persoas socias en Europa e xestionamos preto de 1.300 millóns de euros en créditos.
O que cambia cando sabes onde vai o teu diñeiro
Funcionamos coma calquera entidade financeira: captamos aforro, concedemos préstamos, ofrecemos contas correntes. A diferenza está en que analizamos antes de lle dicir que si a unha operación.
Ademais da viabilidade económica dun proxecto, avaliamos o seu impacto nas persoas, as comunidades e a contorna. Iso significa que o diñeiro depositado non pode acabar financiando a industria armamentística, os combustibles fósiles nin actividades que vulneren os dereitos humanos. E significa tamén que si pode financiar unha cooperativa de vivendas que leva anos esperando un préstamo que a banca convencional nunca lle concedeu.
Somos un dos poucos bancos do mundo que publica en liña cada préstamo concedido a persoas xurídicas. Calquera persoa pode consultalo. O que máis me sorprendeu foi descubrir que podía saber exactamente onde ía o diñeiro.
Detrás desa listaxe hai proxectos moi concretos: comunidades enerxéticas que instalaron placas solares no seu barrio, cooperativas de vivendas que conseguiron construír o seu propio edificio, proxectos de inserción laboral que deron emprego a persoas en situación de vulnerabilidade, iniciativas culturais e de agricultura ecolóxica que non atoparían financiamento noutro lugar. Como o caso de Pablo Renovable, a comunidade enerxética veciñal da urbanización Pablo Iglesias en Rivas-Vaciamadrid, que agrupa xa unhas 500 vivendas e aspira a converterse no maior barrio solar de España; o cohousing Walden XXI, en Sant Feliu de Llobregat, onde un grupo de persoas maiores levantou en cesión de uso o seu propio edificio cooperativo; ou Bioalverde, en Sevilla, que recuperou terreos abandonados ás aforas da cidade para cultivalos de forma ecolóxica mentres lles dá traballo a persoas en risco de exclusión social. Proxectos distintos, en países e sectores diferentes, pero unidos por unha mesma lóxica: financiamento que non busca só rendibilidade, senón que pon o diñeiro ao servizo das persoas e mais do territorio.
Soster un modelo distinto nun mercado que non o pon fácil
Non é un camiño sinxelo. Operar baixo criterios éticos significa renunciar a operacións rendibles que non superan o noso filtro de impacto, e competir con entidades que non cargan con eses límites. Nun contexto de tipos de xuro á alza e de presión constante cara á concentración bancaria, soster unha banca de tamaño mediano, cooperativa e transparente esixe defender activamente un modelo que a lóxica do sector non premia por si soa.
Traballar en finanzas sen perder de vista as persoas
Traballo na área de atención ao cliente do banco, resolvendo dúbidas, problemas técnicos e necesidades de información. Detrás de cada operación hai persoas intentando dar resposta a necesidades reais. Iso cambia como o tomas.
A nosa gobernanza reforza esa lóxica: como cooperativa, as persoas socias non só depositamos o noso diñeiro, senón que participamos nas decisións sobre o rumbo da entidade. Unha socia, un voto, independentemente do capital achegado. Eu participo cada ano nas asembleas, votando os balances e as decisións que marcarán o rumbo do banco.
Unha alternativa que crece
Nestes cinco anos, o noso capital social superou os 100 millóns de euros e o aforro xestionado alcanza xa os 2.800 millóns.
Antes tiña a sensación de que elixir un banco ético era un xesto simbólico, algo marxinal. Pero agora vexo claro que o impacto do noso diñeiro é importante.
Elixir onde se deposita o aforro non cambia de seu o sistema financeiro. Pero é, tamén, unha forma de participar na economía que queremos construír. Máis ca un banco alternativo, Fiare consolidouse como parte dun movemento máis amplo de persoas que decidiron que as finanzas tamén poden mirar a quen serven. E esa posibilidade é o que fai que pague a pena levantarme cada mañá para ir traballar a un banco.
Esta historia forma parte da campaña Historias de ESSperanza de REAS Red de Redes, que percorre iniciativas pioneiras da economía social e solidaria que demostran que outra forma de facer economía é posible e está en marcha.