Preguntácheste algunha vez que fai o teu banco co teu diñeiro mentres non o utilizas?
Hoxe presentamos o Informe de Impacto 2026 de Banca Etica, un exercicio voluntario de transparencia que demostra que a rendibilidade económica e o impacto social e ambiental non só poden convivir, senón que se reforzan mutuamente.
Esta sétima edición analiza o impacto dos créditos concedidos durante o último ano. Non responde a ningunha obriga legal, senón ao compromiso coa nosa comunidade de persoas socias e clientas: render contas sobre “as consecuencias non económicas das nosas accións económicas”.
Unha banca coherente cos seus valores
Os datos reflicten esa coherencia. Mentres gran parte da banca convencional concentra a sustentabilidade nunha parte residual da súa actividade, o 91% do crédito concedido por Banca Etica xerou un impacto positivo medible. Nun contexto marcado pola incerteza xeopolítica e climática, cada vez máis persoas confían nas finanzas éticas. O crecemento do aforro depositado en Banca Etica demostra que existe unha demanda crecente dunha banca transparente, responsable e orientada ao ben común.
Que impacto xera o teu diñeiro?
Cada solicitude de financiamento pasa por unha Avaliación Social e Ambiental (ASA) que nos permite coñecer o impacto que terán os proxectos antes de conceder o crédito. Grazas a esta metodoloxía, o Informe de Impacto 2026 ponlle cifras a unha realidade: o aforro pode converterse en emprego, inclusión, igualdade e transición ecolóxica. Estes son algúns dos principais resultados.
Emprego digno e apoio á economía social
O emprego é unha das principais ferramentas de inclusión social. Durante o último ano, o financiamento concedido por Banca Etica non só impulsou novos proxectos, senón que tamén contribuíu a preservar os postos de traballo e fortalecer o tecido da economía social.
- 1.786 novos postos de traballo creados de forma directa.
- 8,4 millóns de euros destinados a procesos de Workers BuyOut, que permitiron recuperar empresas en crise e transformalas en cooperativas xestionadas polas súas propias persoas traballadoras, preservando 2.103 empregos.
Transición ecolóxica e acción climática
O noso compromiso coa transición ecolóxica vai alén de excluír as enerxías fósiles do financiamento. Tamén implica mellorar a forma en que medimos e xestionamos o noso impacto ambiental.
- Medición da pegada de carbono ampliada a todo o Grupo Banca Etica, incluíndo a cadea de valor dos investimentos.
- Impact Appetite Framework (IAF). O impacto tamén forma parte da estratexia. Grazas a esta ferramenta, o consello de administración establece obxectivos sociais e ambientais xunto cos financeiros, para que o crédito contribúa de forma prioritaria á transición ecolóxica, a vivenda social e o fortalecemento do terceiro sector.
Igualdade para transformar a economía
Unha economía máis xusta pasa por eliminar as barreiras que limitan a igualdade de oportunidades. O Informe de Impacto 2026 recolle algúns dos avances máis significativos neste ámbito:
- Empresas lideradas por mulleres: reforzouse o financiamento de empresas lideradas por mulleres e de proxectos que promoven a igualdade de oportunidades.
- Compromiso coa diversidade e a igualdade: o Grupo Banca Etica continúa consolidando as súas políticas internas e externas mediante estándares internacionais como a ISO 30415 (Diversidade e Inclusión) e a ISO 53800 (Igualdade de Xénero e Apoderamento das Mulleres).
As finanzas éticas, unha aposta de futuro
Como lembra o noso presidente, Aldo Soldi, o compromiso social das empresas non é unha moda pasaxeira. Forma parte dunha tradición que afunde as raíces no movemento cooperativo e que hoxe segue sendo máis necesaria ca nunca. Nun contexto de incerteza e de cuestionamento dos criterios ESG (ambientais, sociais e de gobernanza), Banca Etica reafirma o seu compromiso cun modelo financeiro que sitúa as persoas e mais o planeta no centro de cada decisión.
Porque cada euro depositado en Fiare Banca Etica é moito máis ca un aforro: contribúe a impulsar a agricultura ecolóxica, facilitar o acceso á vivenda, apoiar a cultura independente e fortalecer as comunidades locais.
Descubre o impacto do teu diñeiro
O Informe de Impacto 2026 recolle os datos, a metodoloxía e as historias que hai detrás de cada financiamento concedido. Unha forma de render contas con transparencia e de demostrar que outra maneira de facer banca non só é posible, senón que xa está xerando un impacto positivo.
Invitámoste a descubrilo e coñecer o impacto real do teu diñeiro.