A participación da base social en Fiare Banca Etica: algunhas reflexións sobre onde estamos.
A participación da base social en Fiare Banca Etica: algunhas reflexións sobre onde estamos.
A participación da base social en Fiare Banca Etica: algunhas reflexións sobre onde estamos.
Publicado o:
16/07/2026
Compartir
Por Albert Gasch, responsable de relacións asociativas
Fiare Banca Etica ofrece moitos espazos para que as persoas socias poidan participar e influír nas decisións do banco, sendo unha das características que nos distingue como entidade. Un denso sistema de relacións e interaccións, cara ao mesmo banco e cara á sociedade, formada por socias organizadas en Portadores de Valor, grupos temáticos, procesos participativos diversos e estruturas formais de participación, como as mesmas asembleas de persoas socias. En fin, o que chamamos no seu conxunto gobernanza cooperativa.
Recentemente o consello de administración impulsou un intenso proceso para reflexionar sobre distintos aspectos da participación das socias, intentando ver como mellorala.
A constante procura da mellora
Desde o ano 2015, cando comecei como responsable cultural, realizamos multitude de procesos e aproximadamente uns 16 encontros nos que substancialmente sempre nos fixemos a mesma pregunta, formulada de distintas maneiras: que podemos facer para mellorarmos a participación das socias no banco ou para atraer a participación daquelas que non participan.
Calquera espectador externo deduciría que temos un certo problema coa participación, xa que nos formulamos frecuentemente como mellorala. E se ben creo que evolucionamos moito nestes anos e o clima existente así o reflicte, hai un certo costume no conxunto do banco de manter sempre unha mirada algo autocrítica con esta cuestión. Iso non é negativo pois permítenos mellorar, pero paga a pena non esquecer a dimensión do que facemos hoxe en positivo.
Fiare no espello: como estamos respecto ao contorno?
Nese sentido, e para profundarmos máis nas nosas prácticas de participación, neste último proceso fixemos algo novo: investigar como se promove a participación noutros bancos que poidan ter elementos afíns a nós, como bancos éticos e/ou cooperativos. O resultado foi claro. A participación das socias noutros bancos simplemente non se promove, agás algunhas excepcións, e en calquera caso a moita distancia do conxunto de prácticas que realizamos en Fiare Banca Etica.
Para non quedar aí tamén indagamos en entidades da economía social nas que se traballa como liña fundamental a participación. Vimos entidades de tamaños semellantes, de maior dimensión ou máis pequenas. Pois ben, en todos os casos os indicadores de participación que temos en Fiare Banca Etica son excepcionais. Ningunha entidade das que analizamos ten os índices de participación en asembleas que temos en Fiare Banca Etica -no noso caso sempre de dous díxitos e superando o 20% en diversos anos e chegando ao 40% en dúas ocasións. Neste indicador, fundamental para medir a participación, e tomando de referencia a nosa media, estamos por riba doutras entidades de referencia en distancias de entre 10 a 15 puntos, e como digo, tanto respecto a entidades de dimensión parecida coma de dimensións distintas.
Tamén se miramos as persoas socias activas en termos absolutos ou relativos respecto ao conxunto da base social, os nosos indicadores son moi bos, e estamos a niveis elevados. Se facemos esa reflexión desde o conxunto do banco, cos compañeiros e compañeiras de Italia, o resultado segue sendo positivo. Se facemos a mesma análise por exemplo a nivel europeo, no marco das entidades de FEBEA, cómpre salientarmos que somos un referente indiscutible nesta cuestión.
É certo que no noso complexo universo, xa de seu moi ambicioso en termos de participación, haberá insatisfaccións: GITS (grupos territoriais) que se senten pouco atendidos, información insuficiente á base social, desexo de maior formación etc.
Pero unha mirada global a todo o sistema de participación, tanto en Fiare Banca Etica coma no conxunto do banco, cos principais indicadores na man (eventos organizados e actividades culturais organizadas, participación en asembleas, socias activas), lévanos a dicir que o noso sistema de participación é absolutamente excepcional.
O reto do “banco ideal”
Obviamente, cando se fai unha valoración sobre algo necesítase un termo de comparación. En Fiare a miúdo o termo de comparación é o “banco ideal” que temos na cabeza as 4.000 persoas socias que formamos a base social. Iso supón compararse con máis de 4.000 bancos ideais, co que dificilmente chegaremos algunha vez a cumprir as expectativas. E no conxunto do banco, con máis de 50.000 socias, o problema acentúase. Pero se o termo de comparación é a realidade existente, isto é, o resto de bancos ou entidades da economía social, diría de xeito desapaixonado que o noso banco é en termos de participación o mellor banco de España, de Europa, e probablemente, do mundo.
Hai pouco, un amigo comentábame medio en broma que o que deberiamos facer en Fiare é “participar menos”. Obviamente non é o camiño, pero a anécdota ilustra que debemos aprender a celebrar e valorar o extraordinario compromiso da nosa base social. Como o inconformismo está no noso ADN, sei que nunca deixaremos de cuestionármonos o que facemos, e precisamente por iso, seguiremos mellorando.