TAMAÑO DO TEXTO
ALTO CONTRASTE (LUZ)
ALTO CONTRASTE (ESCURO)
FONTES ACCESIBLES

Ética e cooperativa

Participación e gobernanza

Das armas á redención: con Casa de la Paz, Cresud constrúe un futuro de paz en Colombia

Das armas á redención: con Casa de la Paz, Cresud constrúe un futuro de paz en Colombia

Das armas á redención: con Casa de la Paz, Cresud constrúe un futuro de paz en Colombia

Nun edificio de catro plantas no corazón de Cali, que no seu día foi símbolo da economía ilegal e hoxe foi expropiado ao narcotráfico, está nacendo a Casa de la Paz. Non se trata só dun proxecto arquitectónico de rexeneración urbana, senón do corazón palpitante dunha aposta ambiciosa: demostrar que a paz se constrúe a través da inclusión económica e mais a solidariedade social.

No centro deste renacemento atópase a intervención de Cresud —entidade participada maioritariamente por Banca Etica e dedicada a programas de microfinanzas e cooperación no Sur Global. A súa participación é a proba concreta de como as finanzas éticas poden influír directamente no benestar das comunidades, transformando a fraxilidade en oportunidades de desenvolvemento.

Un ecosistema de paz baixo o mesmo teito

A Casa de la Paz é o froito dunha sinerxía entre organizacións que decidiron non deixar sós os excombatentes das FARC na súa delicada transición á vida civil:

  • Ecomún: nada dos acordos de paz de 2016, é a cooperativa “nai” que reúne máis de 120 formas asociativas e 7000 persoas socias, ofrecendo a estrutura política e técnica para a reintegración.
  • De Mano en Mano: cooperativa multiactiva que xestiona operativamente o proxecto. Axuda os pequenos produtores a crear marca, embalaxe (packaging) e redes de venda para sosterse a si mesmos e o proxecto.
  • Cresud: neste contexto, as finanzas éticas son un motor vital. A través do apoio de Cresud, o proxecto recibe non só recursos, senón tamén lexitimidade, apostando polo valor social da iniciativa e a súa capacidade para xerar unha economía local limpa e sostible.

O contexto: entre a esperanza e as feridas abertas

Colombia vive un paradoxo. Aínda que o acordo de 2016 lle puxo fin formalmente ao conflito, a xustiza social e a ausencia de violencia seguen sendo unha meta afastada. En Cali, unha cidade marcada por profundas desigualdades e tensións, a reintegración dos excombatentes (uns 250 residentes na cidade) topouse a miúdo co asistencialismo e mais a burocratización. A falta de terras cultivables e a ausencia de canles comerciais precarizaron as traxectorias de vida dos que deixaron as armas.

A Casa de la Paz nace, xa que logo, nun terreo difícil, co obxectivo de transformar un ben confiscado ao narcotráfico nun centro (hub) de servizos:

  • Espazos de cocreación e formación.
  • Oficinas.
  • Unha tenda física para os “produtos da paz”.
  • Unha cafetaría onde mercar o café dos exguerrilleiros se converte nun acto de reconciliación política e social.

É a resposta colectiva á fragmentación social dun país que intenta con esforzo pasar páxina. Crear oportunidades comerciais para excombatentes ou instalar paneis solares significa alimentar unha economía que xera relacións e reconciliación.

O edificio da Casa de la Paz, lastrado por débedas anteriores e con necesidade de reformas estruturais, representa a metáfora perfecta dos desafíos do posconflito. Aquí, a contribución financeira de Cresud é un investimento en capital humano, e as finanzas éticas confírmanse como unha das poucas ferramentas capaces de xerar procesos de redención duradeiros.

O modelo de intervención de Cresud

Cresud opera como un motor de desenvolvemento para a economía solidaria no Sur Global a través de tres piares fundamentais:

  • Finanzas de proximidade: Cresud intervén en contextos difíciles onde o sistema bancario local non adoita chegar. No caso da Casa de la Paz, actúa como garante e financiador dun proceso de capacity building (fortalecemento de capacidades e competencias).
  • Enfoque mutualista: o financiamento contribúe a conectar á cooperativa De Mano en Mano co mercado e co movemento do comercio xusto.
  • Sostibilidade integrada: cada euro investido serve para financiar a eficiencia enerxética (paneis solares) e crear emprego directo para os excombatentes que residen en Cali.

Foto créditos Flavia Carpio su Unsplash