Nariño, Colombia: unha experiencia con finanzas éticas, comunidade e futuro.
Unha experiencia no departamento de Nariño, no suroeste de Colombia, permite comprender ata que punto a economía pode adoptar formas moi distintas segundo o lugar desde o que se constrúe. Neste territorio andino, marcado por desigualdades históricas, pero tamén por unha forte tradición de organización comunitaria, falar de economía significa falar de auga, de terra, de coidados e mais de vínculos. Significa, sobre todo, falar de vida.
Durante unha semana, tres traballadores de Fiare Banca Etica visitamos a cidade de Pasto da man da ONG Alboan para coñecermos de preto o traballo da Fundación Suyusama e das comunidades coas que colabora. A viaxe xurdiu para observar iniciativas económicas arraigadas no territorio, impulsadas desde a cooperación, a agroecoloxía e a xestión comunitaria dos recursos. Unha economía que non busca só rendibilidade, senón sustentabilidade social e ambiental.


Economía con raíces
O primeiro contacto co territorio tivo lugar en Villa Loyola, un espazo de formación e encontro onde se compartiron os valores que orientan a acción de Suyusama: xustiza, equidade e bo vivir. Entre cafeais e conversacións compartidas, emerxeu un fío común presente en todos os proxectos: a dignidade campesiña como eixe central de calquera proceso de transformación. Unha experiencia que nos invitaba a repensar que significa traballar por unha economía realmente humana.
Os seguintes días permitíronnos percorrer distintas iniciativas para constatar esta visión compartida. A través do proxecto Mamaluz, as comunidades integraron agroecoloxía, ecoturismo e xestión da auga mediante un reservorio comunitario. Na zona de Corazón de María, unha reserva natural creada e xestionada pola propia comunidade protexe as fontes de auga e exemplifica procesos de apoderamento feminino. En Onobuco, un acto de benvida ancestral con música tradicional, puxo de manifesto a recuperación do cabido indíxena e dunha cultura que resiste e perdura pase o que pase.
A viaxe tamén nos mostrou como o turismo pode adoptar formas afastadas da lóxica extractiva. Na Laguna de la Cocha e no Santuario de Las Lajas, proxectos como a Reserva El Búho combinan espiritualidade, cultura e ecoloxía, demostrando que o turismo pode ser unha ferramenta de coidado do territorio e de transmisión de saberes ancestrais.


Sementando futuro desde a comunidade
Un dos elementos máis relevantes que observamos ao longo do percorrido foi o papel central das mulleres. Desde proxectos de agroecoloxía ata iniciativas de transformación alimentaria ou de xestión comunitaria, son elas as que lideran moitos dos procesos económicos, combinando produción, coidado do territorio e transmisión de coñecemento. A súa contribución non é accesoria, senón estrutural.
A mocidade tamén desempeña un papel destacado. En municipios como Taminango, La Unión ou San Lorenzo, proxectos de café, fornos comunitarios, espazos xuvenís e grupos de aforro ofrecen alternativas reais ao abandono do territorio. Son iniciativas aínda fráxiles, pero apuntan a outra maneira de entender o desenvolvemento: menos extractiva, máis lenta e profundamente vinculada co lugar.

Finanzas éticas ao servizo do ben común
Neste contexto, as finanzas éticas convértense nunha ferramenta clave. Cando deixan de ser un fin en si mesmas e se poñen ao servizo da dignidade, a xustiza social e o ben común, o crédito e o aforro poden actuar como pancas de cambio real. Non sen tensións nin límites, pero cunha clara vontade de coherencia entre valores e práctica. A viaxe pechámola na sede da Fundación Suyusama cun sentimento compartido de gratitude. Levamos a aprendizaxe de que outra economía non só é posible, senón que xa se está construíndo, día tras día, desde a raíz. Alén do intercambio, a estadía en Nariño foi un encontro entre distintas maneiras de entender o mundo. Desde Fiare Banca Etica, confiamos en que esta experiencia nos sirva para afrontarmos novos proxectos no noso país, arraigados no territorio e nunha economía con valores.
Nariño non ofrece receitas universais. O que amosa é que existen outras formas posibles de facer economía cando esta nace do territorio, da cooperación e mais da confianza. Nun contexto global marcado pola crise climática e o esgotamento dos modelos dominantes, estas experiencias non son anecdóticas: son laboratorios vivos do que podería vir.
Fiare Banca Etica e Coop57 cofinancian a compra da sede do Grup ECOS
03.02.2026
O papel das finanzas na construción da paz
29.01.2026
Cando a banca ética se converte en fogar: unha ruta pola Barcelona que xa está cambiando as regras
28.01.2026
“Finanzas pola Paz”
14.01.2026
La Imprenta: cultura para transformar o mundo
11.12.2025
Encontro anual de FEBEA 2025 en Thun: dous días entre montañas e reflexións
01.12.2025