En Galicia, o mar forma parte da identidade colectiva. Baixo a súa superficie existe un mundo tan rico coma descoñecido e 13 Grados naceu para facelo visible.
13 Grados é unha cooperativa sen ánimo de lucro formada por Sara Carrasco e Silvia Iglesias, con seis anos de traxectoria. A súa misión é dar a coñecer e poñer en valor a biodiversidade submarina galega, xerar conciencia sobre a súa fraxilidade e crear un vínculo emocional entre as persoas e o ecosistema mariño. Porque a saúde do mar lle afecta a toda a poboación, mesmo a quen vive lonxe da costa.
O nome fai referencia á temperatura media da auga en Galicia: 13 graos. Unha cifra que, lonxe de ser un inconveniente, é clave para a biodiversidade que sosteñen os seus fondos.


Da fascinación ao proxecto
As súas fundadoras —psicóloga e fisioterapeuta de formación— descubriron a riqueza submarina galega cando sacaron o curso de mergullo. O que empezou como preparación para unha viaxe acabou sendo un cambio de vida. Formáronse en bioloxía mariña e conservación, deixaron os traballos e crearon a cooperativa.
Mergullarse con frecuencia permitiulles gozar da beleza, pero tamén constatar ameazas: lixo en cada inmersión, restos de artes de pesca, plásticos, efectos do aumento da temperatura, desaparición de algas que formaban bosques submarinos e cambios nas especies presentes.

Educación, tecnoloxía e ciencia cidadá
13 Grados combina obradoiros nos colexios, ilustración en acuarela, proxeccións de vídeos submarinos e experiencias inmersivas cun robot submarino e lentes de realidade virtual. Tamén organizan itinerarios de snorkel e mergullo, sempre cunha explicación previa que fomente o respecto pola contorna.


Ademais, participan en proxectos de ciencia cidadá: fotografan especies, rexistran datos e envíanos a plataformas científicas para axudar a delimitar poboacións e solicitar medidas de protección. Unha forma de converter a cidadanía en parte activa do cambio.
Cooperativismo e banca ética
O modelo cooperativo encaixou coa súa forma de entender o traballo: organización democrática e prioridade dos valores fronte á maximización dos beneficios. Nesa mesma procura de coherencia chegaron a Fiare Banca Etica.
Son socias do banco e valoran especialmente o trato próximo, a transparencia e mais a rede de proxectos con valores compartidos. Proximamente participarán na asemblea de persoas socias de Fiare en Vigo, onde levarán a cabo unha actividade moi especial.
13 Grados demostra que outra maneira de relacionármonos co mar —e tamén coa economía— é posible: desde o coidado, a comunidade e a coherencia.


A Economía Social consolídase: Fiare entre as empresas máis relevantes do sector
25.02.2026
Asemblea de persoas socias en Vigo: alén dunha asemblea
23.02.2026
Cando a economía se constrúe desde o territorio
20.02.2026
Fiare Banca Etica e Coop57 cofinancian a compra da sede do Grup ECOS
03.02.2026
O papel das finanzas na construción da paz
29.01.2026
Cando a banca ética se converte en fogar: unha ruta pola Barcelona que xa está cambiando as regras
28.01.2026