O ecosistema das finanzas éticas e a economía social está de parabéns. SpainCap concedeu o galardón á «Mellor Operación de Impacto» pola inversión estratéxica realizada na PEME social Koiki, a través do Fondo de Emprendemento e Impacto Social (FEIS). O recoñecemento pon en valor un modelo de alianza público-privada e impacto social no que Fiare Banca Etica tivo un papel clave xunto á Deputación Foral de Biscaia.
Koiki, unha empresa social enfocada na mensaxería sustentable e inclusiva, xera emprego para persoas en situación de vulnerabilidade ou con discapacidade, ao tempo que reduce as emisións de C02 mediante o reparto de «última milia» a pé ou en vehículos sustentables.
O Fondo FEIS foi creado pola Deputación Foral de Biscaia a través de Seed Capital Bizkaia. Trátase do primeiro fondo de inversión de impacto promovido por unha Administración pública en Europa, conta co apoio, entre outros, de Fiare Banca Etica e o seu obxectivo é respaldar proxectos empresariais que, ademais de ser economicamente viables, xeren un impacto social ou medioambiental positivo e medible.
Instrumentos financeiros para a inclusión social
Para Fiare Banca Etica, este galardón é a constatación de que é posible —e necesario— articular instrumentos financeiros que poñan o capital ao servizo da transformación social e a inclusión laboral.
A participación de Fiare no Fondo FEIS demostra que a inversión con criterios de impacto real pode transformar a vida das persoas e xerar retornos positivos para a comunidade.
A alianza co público: multiplicar o impacto
Un dos aspectos máis valiosos desta operación galardoada é o traballo conxunto entre entidades da economía social e solidaria como Fiare Banca Etica, inversores de impacto e administracións públicas de referencia como a Deputación Foral de Biscaia.
Esta cooperación público-privada demostra como as institucións poden aliarse coa banca ética para multiplicar o alcance das políticas públicas de emprego, inclusión e transición ecolóxica, convertendo o territorio de Biscaia nun referente europeo de innovación e inversión de impacto.
Sobre Koiki e o futuro da economía social
Grazas ao impulso financeiro e estratéxico recibido, Koiki continúa consolidando a súa rede de centros comunitarios de reparto, xerando emprego digno para colectivos con dificultades de inserción no mercado laboral e descarbonizando a loxística urbana.
Dende o banco reafirmamos o noso compromiso de seguir impulsando proxectos que sitúen á persoa e ó medio ambiente no centro da actividade financeira.

Foto créditos:
- Diputación Foral de Bizkaia (16 de xullo, 2026)