TAMAÑO DO TEXTO
ALTO CONTRASTE (LUZ)
ALTO CONTRASTE (ESCURO)
FONTES ACCESIBLES

Ética e cooperativa

Participación e gobernanza

As finanzas éticas destinaron case 300 millóns en 2024 para a transición enerxética

As finanzas éticas destinaron case 300 millóns en 2024 para a transición enerxética

As finanzas éticas destinaron case 300 millóns en 2024 para a transición enerxética

Segundo o novo Barómetro de Finanzas Éticas, elaborado polo Observatorio de FETS – Finançament Ètic i Solidari, en 2024 as entidades de finanzas éticas financiaron 326 proxectos do sector enerxético, incluíndo iniciativas de enerxías renovables, mobilidade sostible e comunidades enerxéticas. En total, o volume destinado a este ámbito achégase aos 300 millóns de euros. O informe, que radiografa o estado e a evolución do sector desde 2008, analiza os datos de 32 entidades financeiras –bancos, cooperativas de crédito e aseguradoras– que cumpren criterios como a exclusión de proxectos que vulneren os dereitos humanos ou ambientais, a priorización do crédito á economía real con impacto positivo, a transparencia e a participación.

Compromiso cunha enerxía transformadora

O estudo presentouse na Comunidade Enerxética La Bordeta, en Barcelona, reforzando así o enfoque centrado na transición enerxética. Mentres a gran banca continúa financiando proxectos de expansión fósil e retirándose dos seus compromisos climáticos, as finanzas éticas manteñen firme o seu compromiso coas enerxías limpas sen perder a dimensión social. “Impúlsanse proxectos que entenden a transición enerxética non só como unha substitución de fontes de enerxía, senón como unha oportunidade para transformar o modelo económico e social”, afirmou Jordi Rojas, presidente de FETS.

Este apoio tradúcese en proxectos diversos: desde a produción e comercialización de enerxía, ata outros orientados á descarbonización, a mobilidade sostible ou fórmulas de participación cidadá como as comunidades enerxéticas. Cun importe medio de case un millón de euros, trátase do sector con maior volume de crédito por proxecto, segundo a análise do Barómetro. Para Núria Albet Torres, da comunidade enerxética Energía Bonita, na Palma, “o préstamo permitiunos realizar o grande investimento inicial e, unha vez en marcha, demostrar a viabilidade da proposta, atraer máis xente e acelerar o crecemento”.

Un sector consolidado e estable

Os datos do Barómetro de Finanzas Éticas 2025 mostran unha tendencia estable e consolidada, reflexo da madurez do sector. O aforro depositado nas entidades de finanzas éticas alcanzou os 2.411 millóns de euros, o que supón un aumento do 60% na última década. As persoas vinculadas ás diferentes entidades sitúanse arredor das 193.000, consolidando un crecemento sostido tras varios anos de lixeiro descenso. Pola súa banda, o volume de préstamos concedidos a 1.921 proxectos superou os 1.900 millóns de euros, multiplicando por 2,5 os datos de hai dez anos.

Ademais, o Barómetro inclúe unha sección dedicada ao sector asegurador ético, que agrupa axencias de seguros, mutualidades e compañías certificadas co selo europeo EthSI. En 2024, estas entidades xestionaron máis de 4,07 millóns de pólizas, cun importe total das primas de 1.394 millóns de euros, equivalente ao 1,86% do volume do sector asegurador español. O documento subliña que o sector asegurador ético tamén acompaña os proxectos de transición enerxética ofrecendo solucións adaptadas ás novas necesidades.

O sector asegurador ético tamén aposta por proxectos de transición enerxética ofrecendo respostas ás súas necesidades. Segundo Ramon Roig, de Balenyà Sostenible «o cambio de paradigma que supoñen as comunidades enerxéticas foi recibido con reticencia por parte de moitas compañías aseguradoras convencionais, que identificaban novos riscos e non ofrecían produtos adecuados. En cambio, a nosa axencia de seguros éticos implicouse ata conseguir solucións adaptadas á nosa realidade».