A Unión Europea lanzou o plan ReArm Europe, que contempla un investimento público masivo na industria armamentística. O obxectivo é claro: incrementar o gasto en defensa empregando, de forma directa ou indirecta, os aforros da cidadanía. Desde a perspectiva das finanzas éticas (que sitúan no centro a vida, a paz e o ben común), este camiño representa unha perigosa deriva cara ao financiamento da guerra, con consecuencias potencialmente devastadoras para a seguridade global, a xustiza social e as tensións xeopolíticas.
A Comisión Europea propón transformar parte dos aproximadamente 10 billóns de euros depositados en contas correntes na UE nunha das principais fontes de financiamento para as empresas do sector militar. ReArm Europe prevé mobilizar 800 000 millóns de euros, dos cales 150 000 millóns procederían da débeda pública, e o resto, dos orzamentos nacionais. Sorprendentemente, este gasto quedaría fóra do cálculo do déficit/PIB, unha excepción nunca permitida en sectores clave como a sanidade ou a educación, duramente recortados nos últimos anos para cumprir co Pacto de estabilidade.
O realmente alarmante
A aprobación da Directiva sobre a Unión do aforro e o investimento permite destinar unha parte significativa do aforro cidadán ao sector armamentístico. Isto implica que as persoas acaben apoiando, aínda que sexa de forma indirecta e moitas veces inconsciente, unha industria que alimenta conflitos e pon en risco a paz e a estabilidade internacionais.
Como sinala a nosa presidenta, Anna Fasano:
«A Unión do aforro e o investimento expón cada vez máis as persoas aforradoras e traballadoras a financiar a industria armamentística por medio de fondos de investimento, pensións, seguros e outros mecanismos financeiros opacos,a miúdo sen seren sequera conscientes diso.»
O caso de Francia é ilustrativo: o seu banco público de investimentos prevé emitir bonos de aforro destinados a financiar fabricantes de armas. Esta tendencia confirma un padrón preocupante.
A guerra como negocio: a paz en perigo
Historicamente, a guerra xerou enormes beneficios para determinadas industrias. Confiarlles a seguridade e a paz aos intereses económicos e especulativos só pode xerar un ciclo vicioso que alimente máis conflitos. Desde 2022, o sector armamentístico experimentou rendementos bolsistas desmesurados. Un informe de Mediobanca revela que, entre principios de 2022 e outubro de 2024, as accións de empresas de defensa medraron un 72,2 %, moi por riba do índice global do +20,1 %. As empresas europeas chegaron mesmo a superar esa cifra, acadando un 128,1 % fronte ao 59,1 % das súas homólogas estadounidenses. Esta tendencia mantense en 2025, onde o índice Stoxx Aerospace & Defense subiu un 35 % até marzo, fronte ao 9 % do Stoxx 600 xeral.
Este auxe ameaza tamén o futuro do investimento sostible (ESG). Abriuse a porta a considerar empresas armamentísticas como «sostibles», como mostra o caso de Allianz, que incluíu fabricantes de armas nucleares nos seus títulos ESG. Para Banca Etica e todo o movemento das finanzas éticas, isto é inaceptable.
Os criterios ESG (environmental, social and governance) buscan avaliar até que punto unha empresa contribúe ao benestar social e medioambiental máis aló do beneficio económico.
A Global Alliance for Banking on Values (GABV), rede que agrupa máis de 80 bancos éticos de todo o mundo, deixouno claro na Declaración de Milán:
«O financiamento de armas é incompatible con calquera definición de finanzas sostibles».
As finanzas éticas como alternativa real
O gasto militar mundial acadou un récord histórico: 2,7 billóns de dólares, un aumento do 9,4 % respecto de 2023 (o meirande desde a Guerra Fría), segundo datos do SIPRI. Fronte a esta tendencia alarmante, o Grupo Banca Etica reafirma o seu compromiso: a paz e a seguridade non se poden supeditar a intereses económicos nin á lóxica especulativa do mercado armamentístico.
Reclamamos que os aforros das persoas se empreguen para construír un futuro baseado na cooperación, a sostibilidade, a equidade, a transparencia e o respecto dos dereitos humanos. Estes son os piares das finanzas éticas e da economía social, a única vía posible para unha paz duradeira.

Correr pola dignidade: a carreira que desafía ao racismo en Barcelona
30.04.2025

Anna Fasano, presidenta de Banca Etica, visita as novas instalacións en Bilbao
30.04.2025

🕊️O Papa Francisco e o seu legado na promoción das finanzas éticas
30.04.2025

Enerxía que transforma comunidades
22.04.2025

Renovación do convenio de colaboración con REAS para fortalecer a Economía Social e Solidaria.
09.04.2025

Plan estratéxico 2025-2028 para unhas finanzas éticas de maior impacto
17.03.2025