Fiare Banca Etica e Coop57 formalizaron un acordo de colaboración para financiar a adquisición do local do Grup ECOS en Barcelona. Esta operación non só supón un apoio financeiro, senón que reforza o compromiso histórico de ambas as entidades co fortalecemento do tecido cooperativo e a creación de infraestruturas sólidas para a economía transformadora.
A alianza entre Fiare Banca Etica e Coop57 simboliza unha vez máis a capacidade das finanzas éticas para lles ofrecer solucións conxuntas ás necesidades da economía real. Ao unir as forzas, as dúas organizacións facilitan que proxectos de referencia, como o Grup ECOS, poidan consolidar as estruturas e garantir a continuidade a longo prazo baixo modelos de propiedade colectiva e xestión democrática.
Un espazo para a intercooperación e o arraigamento
O Polo Cooperatiu Grup ECOS é un espazo de actividade compartida onde converxen proxectos con valores sociais e ambientais. Alén dun espazo físico, este polo actúa como un dinamizador de sinerxías, facilitando o intercambio de coñecemento e a xeración de alianzas estratéxicas entre organizacións que traballan para transformar o modelo económico desde a práctica cotiá.
A adquisición do inmoble foi clave para evitar o desprazamento do grupo por mor da presión inmobiliaria. “Grazas ao acordo, podemos quedar no barrio“, destaca Eli Miralles, de Nusos Cooperativa. Pola súa banda, Adrià Rieradevall de l’Apòstrof, engade: “Puidemos mercar o local porque o alugueiro estábase disparando; sen esta operación, estariamos obrigados a marchar”.
Impacto e traxectoria
O Grup ECOS, constituído en 2011, é hoxe un referente na articulación sectorial da ESS. Actualmente está formado por 16 organizacións socias que xeran emprego estable para 213 persoas e agrupan máis de 5.200 socias de consumo. Con este novo paso, o grupo consolídase como unha infraestrutura clave para o crecemento de iniciativas con propósito, mantendo a súa vocación aberta a novas incorporacións.
Con esta operación, Fiare Banca Etica e Coop57 demostran que a banca cooperativa e os servizos financeiros éticos son ferramentas políticas e económicas fundamentais para construír un futuro colectivo baseado na sustentabilidade e o ben común.
O papel das finanzas na construción da paz
29.01.2026
Cando a banca ética se converte en fogar: unha ruta pola Barcelona que xa está cambiando as regras
28.01.2026
“Finanzas pola Paz”
14.01.2026
La Imprenta: cultura para transformar o mundo
11.12.2025
Encontro anual de FEBEA 2025 en Thun: dous días entre montañas e reflexións
01.12.2025
Primeiro encontro presencial do Grupo de Mulleres Fiare
27.11.2025