A nosa historia | Fiare Banca Etica

A nosa historia

No País Vasco varios grupos interesados nas finanzas éticas crearon en 2003 a Fundación Fiare, para construír un movemento de cidadanía activa que establecese os cimentos dunha banca ética. En 2005 asinouse o contrato de axentes con Banca Popolare Etica (BpE), que foi a experiencia que máis lles interesou a nivel europeo, e iniciouse a intermediación financeira no territorio español.

Despois de anos de campaña de recollida de aforro e primeiros créditos, financiamento en 4 sectores e recollida de capital social, en 2011 fíxose a proposta de integración de Fiare e BpE, coa aprobación nas asembleas de ambos os países, até chegar en 2013 á creación da Área Fiare en Banca Popolare Etica. No outono de 2014 iniciase a nova etapa de Fiare, como Área de Banca Popolare Etica

Grazas aos milleiros de persoas socias, está a materializarse o soño de crear unha institución financeira ética e cooperativa, cunha dimensión europea.

En Italia as primeiras experiencias de finanzas éticas foron as cooperativas MAG (Mutue per l'Autogestione). A idea non era apañar primeiro o diñeiro e despois procurar proxectos que financiar, senón atopar primeiro o que se quería financiar e despois procurar xente que se comprometese a prestar unha parte do investimento total que a empresa social necesitaba.

Nos anos noventa, as MAG contactaron coas institucións do mundo da cooperación social, o voluntariado e as asociacións, para crear unha proposta financeira axeitada para eses sectores. A iniciativa tivo éxito e en decembro de 1994 constituíuse a Cooperativa Verso la Banca Etica. En 1999 recolleuse o capital social necesario para se converter en banca popular e, tras a autorización da Banca d’Italia, abriu a primeira filial en Padua. Grazas aos Grupos de Iniciativa Territorial (GIT) foise consolidando paseniño a presenza en toda Italia, coa apertura de novas filiais, implicando cada vez a máis persoas e estimulando a capitalización.

Preto de Fiare, preto de ti.