Política de crédito | Fiare Banca Etica

Política de crédito

A nosa política de crédito define o ámbito de acción dentro do que se desenvolve a nosa actividade crediticia, en coherencia co noso «Manifesto político».
As decisións, resultado desta política, son fundamentais para garantir a coherencia entre a actividade operativa, a misión estatutaria e o noso código ético, e están na base do pacto de confianza establecido coas persoas aforradoras e a nosa base social e clientela.

É indubidable a importancia da corrección e claridade dos procedementos, do respecto á normativa e dunha prudente xestión, mais o proceso do crédito de Fiare Banca Etica caracterízase pola orixinal capacidade de avaliar o mérito crediticio en función tanto de elementos económicos (a análise técnica) coma de elementos non económicos (a avaliación da sensibilidade social, ambiental, ética) dos proxectos.

Podes verificar a coherencia da política de crédito de Fiare Banca Etica na sección «Co meu diñeiro».

 

Ámbitos de financiamento

Os diferentes sectores susceptibles de seren financiados son:

  • sistema de benestar social: servizos socio-sanitarios, vivenda social, microcrédito asistencial;
  • eficiencia enerxética e enerxías renovables: illamento de inmobles, coxeración, enerxía solar térmica, solar fotovoltaica, eólica, hidroeléctrica;
  • medio ambiente: xestión de residuos, reciclado de materias primas, producións eco-compatibles;
  • agricultura de proximidade: produción e comercialización de produtos orgánicos (ecolóxicos); fomento de canles curtas de comercialización, grupos de consumo e procesos de soberanía alimentaria;
  • cooperación internacional: cooperación ao desenvolvemento recoñecida polo Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, ou por institucións supranacionais, microfinanzas, finanzas éticas e solidarias;
  • animación sociocultural: educación, cultura, deporte, centros xuvenís, etc.;
  • comercio xusto: entidades que traballan desde aquí.

As eventuais dúbidas de interpretación respecto dos sectores susceptibles de financiamento deben ser sometidas a debate no Comité de Ética.

Actividades non financiables

Excluímos a posibilidade de financiar actividades económicas que obstaculizan o desenvolvemento humano, en particular:

  • produción e comercialización de armas; actividades con evidente impacto negativo no medio ambiente; uso e desenvolvemento de fontes enerxéticas e de tecnoloxías perigosas para o ser humano e o medio ambiente;
  • explotación laboral infantil, violación dos dereitos humanos;
  • cría intensiva de animais que non respecte os criterios previstos polos estándares da certificación ecolóxica;
  •  exclusión/marxinación de minorías da poboación;
  •  relación directa con réximes que notoriamente non respectan os dereitos humanos ou son gravemente responsables da destrución do medio ambiente;
  • actividades de investigación no campo científico que conduzan á experimentación en suxeitos débiles ou non tutelados ou en animais;
  •  mercantilización do sexo;
  • xogos de azar.

Avaliación das solicitudes de financiamento

A avaliación das solicitudes de financiamento baséase nun indispensable coñecemento do/a cliente/a, do seu proxecto e dos seus requirimentos específicos. Todos os financiamentos son avaliados pola estrutura operativa de Fiare Banca Etica en función da capacidade económica e financeira de devolución do empréstito.

A determinación do impacto socio-ambiental dos créditos concedidos ás organizacións efectúase mediante unha análise ético-social desenvolvida por unha comisión de avaliación ético-social, formada por persoas voluntarias da Organización Territorial das persoas e organizacións socias (inscritas no rexistro correspondente), que fan posible a avaliación do mérito crediticio da clientela tamén en función de indicadores non económicos.

Preto de Fiare, preto de ti.