Un artigo do GIT de Galiza Sur.
É difícil. É unha pílula amarga de tragar. Escribir sobre ela tráenos á memoria moitos recordos que fan un nó no estómago, que traen unha bágoa ao ollo. Pero con moita máis forza traen un sorriso, o seu sorriso.
Algúns coñecémola a principios de 2010. Nese ano fundouse a Asociación Fiare Galiza e, dende entón, a nosa Cachi non deixou de traballar para que o noso banco chegue ao que é hoxe. Do local ao internacional. Cachi creceu durante 14 anos con Fiare. Daquela compartiu con todas nós a utopía, as ganas de crear algo diferente, algo mellor, contaxiando a ilusión á xente que estaba ao seu lado. Nese paseo destacou. Foi unha das primeiras en opinar, en propoñer, pero sobre todo en animar. Co seu esforzo e dedicación, Cachi converteuse nunha referente para moitas das que formamos parte de Fiare e será difícil que a esquezamos.
Deixounos unha líder, unha amiga, unha irmá, unha nai, unha compañeira de viaxe. Non se gañou o alcume de “mamá Cachi” por casualidade, xa que para cada persoa tiña un xesto, unha chamada, unha mirada, unha palabra ou un descanso para fumar.
Estableceu vínculos que ían máis alá dos temas a tratar; compartimos reunións, viaxes, encontros, irmanamentos e moitas conversas; en definitiva, compartimos a vida. Ela fixo realidade o lema do banco: “o interese máis alto é o interese colectivo”, pois non quixo acaparar os “focos”, senón poñerse ao servizo e implicarse no que fose necesario, promovendo a presenza e a participación das mulleres na estrutura social de Fiare Banca Etica.
Outra persoa será a que merque agora os caramelos e os reparta en cada encontro ou reunión. As “trillis” serán agora “mellis”. Seremos outras os que seguiremos tirando do carro que ela empuxou. Será diferente, pero avanzará. Porque se algo podemos dicir con certeza é que Cachi fíxonos mellores persoas e, como mellores persoas, seguiremos construíndo Banca Etica emulando a súa paixón para que se sinta orgullosa do legado que deixou en nós.
Moi poucos meses antes de marchar tivemos a sorte de vela bailar “la chica yeyé” na súa última asamblea. Uns días antes de marchar, algúns tivemos a sorte de falar con ela e, a pesar das nosas boas intencións, foi ela a que nos acabou animando. É difícil explicar o que conseguiu ser Cachi para moitos de nós; necesitaríamos un libro e quedaría escaso, porque as palabras son finitas, incapaces de abarcar o que ela transmitía coa súa mirada, co seu sorriso, coas súas caricias e cos seus “biquiños”.
A pesares da debilidade dos últimos meses, Cachi sempre estivo aí, era puro optimismo, era unha ola de cariño que che poñía os pelos de punta. Sempre dando, sempre intentando. Xuntas marcamos obxectivos. Xuntas conseguímolos. O esforzo e o sacrificio foron recompensados, grazas a eles, hoxe podemos falar de Fiare Banca Etica con moito orgullo. Queda moito camiño por percorrer, novos obxectivos por acadar. Farémolo xuntas, ela no sentimento, nós coa nosa presenza, co noso esforzo colectivo. Debémosllo a ela.
“Biquiños para todas!”
Compras seguras
19.08.2024
Celebra connosco os 10 anos de Fiare Banca Etica
30.07.2024
Descubre Valencia coa Asemblea de Persoas Socias
25.03.2024
Traballo en rede cunha mirada xoven: JxFIARE leva o proxecto a Bruxelas
19.02.2024
Novas entidades socias de Fiare Banca Etica
15.02.2024
Encuentro de Jóvenes por Fiare en Granada: fortaleciendo lazos
09.10.2023