TAMAÑO DO TEXTO
ALTO CONTRASTE (LUZ)
ALTO CONTRASTE (ESCURO)
FONTES ACCESIBLES

Finanzas Éticas

Todas as novidades sobre as finanzas éticas

Xustiza para o pobo palestino: o noso compromiso continúa

Xustiza para o pobo palestino: o noso compromiso continúa

Xustiza para o pobo palestino: o noso compromiso continúa

Nestes meses de bombardeos indiscriminados contra a poboación civil na Franxa de Gaza, tras o ataque de Hamás do 7 de outubro, a miúdo preguntámonos, como Banca Etica e como comunidade, que iniciativas se poden tomar para contribuírmos a poñerlle fin ao que se configura como un xenocidio do pobo palestino. Un horror que non criamos posible presenciar: basta pensar nos disparos contra persoas exhaustas mentres esperaban a distribución dos escasos alimentos dispoñibles, ou nos innumerables ataques deliberados a escolas que aloxan refuxiados, ademais de hospitais en servizo e traballadores sanitarios.

Xa son máis de 68.000 as persoas asasinadas polas bombas israelís en Gaza, segundo as últimas estimacións, case con certeza á baixa. A este tráxico balance súmanse 120.000 feridos e dous millóns de persoas desprazadas, unha cifra mesmo maior que a do éxodo forzado da poboación árabe palestina durante a Nakba (a “catástrofe”) de 1948, cando se fundou o Estado de Israel ao finalizar o mandato británico na rexión. Sen esquecer as accións violentas levadas a cabo en Cisxordania por colonos israelís (a miúdo protexidos polo exército de Tel Aviv) ou os desaloxos forzosos, as demolicións de vivendas e a destrución de negocios en Gaza, conformando un panorama dramático e inaceptable.

Sobre o xenocidio contra a poboación palestina expresouse directamente o Instituto Lemkin para a Prevención do Xenocidio, un observatorio internacional e centro de incidencia dedicado a previr xenocidios, inspirado no traballo de Raphael Lemkin, xurista polaco de orixe xudía que acuñou o termo “xenocidio” e foi o principal impulsor da Convención da ONU de 1948 para a prevención e sanción deste crime. Tamén o denunciou en múltiples ocasións a relatora da ONU para os Territorios Palestinos Ocupados, Francesca Albanese, quen desde hai meses traballa incansablemente para visibilizar o que está a ocorrer. Publicou varios informes en relación coa cuestión palestina, como o estudo “Dunha economía da ocupación a unha economía de xenocidio”, presentado no Consello de Dereitos Humanos en xuño de 2025, no que revelou as dinámicas económicas e a complicidade do sector privado global, incluído o financeiro, que incentivan que siga a masacre da poboación palestina. E é neste último plano en particular onde se debe actuar. Hoxe mesmo, Nacións Unidas publicou, tras meses de investigacións, que o que está a pasar en Palestina é un Xenocidio.

Nos últimos meses, desde o banco organizamos, en colaboración con Médicos Sen Fronteiras (Italia), unha recadación de fondos para apoiarmos as actividades humanitarias da organización en Gaza. Posteriormente impulsamos unha segunda campaña de financiamento colectivo, cuxos fondos se destinaron a unha serie de pequenos agricultores palestinos cuxas actividades foron danadas ou destruídas por colonos israelís. Ademais, apoiamos á nosa entidade socia Acad Finance, unha organización de microfinanciación palestina coa que temos proxectos en curso desde hai anos no territorio, e a moitas dos nosos clientes que operan en Gaza e nos Territorios Ocupados.

Pero non podemos deternos aquí cando cada día presenciamos as noticias sobre as atrocidades cometidas por Israel. Queremos contribuír, na medida do posible, a pór fin a esta ocupación que foi declarada ilegal segundo o dereito internacional.

Como seguir actuando

  • Adherirse á Campaña “Alto o fogo xa” da Coordinadora de ONG e ao manifesto ‘Non nos resignamos ao rearmamento e á guerra en Europa’ un claro posicionamento contra as políticas bélicas que continúan tomando forza no continente europeo. Secundado por máis de 800 organizacións, así como máis dun centenar de persoas destacadas do mundo da cultura, a academia e o activismo.
  • Doar á campaña por Gaza das nosas entidades da Mesa de socias de Referencia: Entreculturas e Cáritas.

Ou no noso crowdfunding de Banca Etica con Médicos sen fronteiras.

  • Participar nas concentracións, manifestacións e marchas nas diferentes partes do país como as que terán lugar o 18 de setembro para apoiar á Global Sumud Flotilla e o 4 de outubro para conmemorar dous anos de Xenocidio.

Utilizar o boicot como forma de resistencia non violenta, verificando que empresas están implicadas con Israel a través da listaxe de Don’t Buy Into Occupation e a campaña BDS.

Debemos seguir facendo presión para esixir xustiza e liberdade para o pobo palestino e para todas as comunidades vítimas de violencia e negación de dereitos humanos e civís. Elixir un banco como Banca Etica, que non financia o sector armamentístico, é un paso importante nesta dirección.

O noso compromiso coas finanzas en defensa dos dereitos humanos

Debemos seguir facendo ouvir a nosa voz e esixir xustiza e liberdade para o pobo palestino e para todas aquelas persoas e pobos inocentes que ven os seus dereitos humanos vulnerados. Elixir a Fiare Banca Etica é un gran paso nesta dirección. A decisión de non investir en empresas que se dedican á industria bélica e ao sector armamentístico non queda nun posicionamento ético, senón nun compromiso concreto que aspira a construír un sistema financeiro e económico que non propicien conflitos e violencia. A través do que eliximos financiar estamos a tomar decisións que favorecen e apoian a paz, a xustiza e os dereitos humanos.