TAMAÑO DO TEXTO
ALTO CONTRASTE (LUZ)
ALTO CONTRASTE (ESCURO)
FONTES ACCESIBLES

Proxectos colectivos

Micromecenado e proxectos solidarios

Etica e cooperativa

2024: O valor da paz, máis urxente que nunca

Non podemos falar do 2023 sen sermos conscientes de que engadimos un novo conflito armado á nosa realidade. Chegamos a perder a capacidade de abraio e indignación, cando os crimes de guerra se converten en parte estable dos nosos telexornais. E temos que reafirmar o valor da PAZ, presente dende a nosa orixe como entidade, como limiar irrenunciable. Que vai máis alá dos conflitos e das armas, e transcende as actitudes cotiás de todas as persoas: a escoita, o respecto, a cooperación… son o fío que tece a economía social e a única materia prima coa que xestionar unha cooperativa de case 50.000 socias.

A esas realidades incorpóranse, como compañeiras de viaxe, tensións financeiras que impactan nas entidades que operamos neste sector e nas persoas que se ven afectadas. Presenciamos crecementos económicos lixeiros con forte inflación (que foi remitindo ao longo do ano) e taxas de xuro altas para combatela. Un cóctel que xera decrecementos en crédito e aforro no mercado, amortizacións anticipadas de débedas, incremento de gastos financeiros e persoas e organizacións en dificultades. Esta vez, un mercado laboral robusto permitiu aguantar o golpe en boa medida. Porén, mudaron as «regras do xogo» coas que traballabamos practicamente dende o noso establecemento como sucursal en España.

Por primeira vez, tivemos dificultades co aforro, ao haber menos e aparecer produtos que non se vían dende hai anos, como letras do tesouro ben pagadas a curto prazo, ofertas agresivas doutras entidades, imposicións a prazos breves ou contas remuneradas. Movémonos de forma tranquila, evitando entrar nunha pelexa sen sentido para quen defendemos o aforro con valores, non só con taxas. E aumentamos a oferta de depósitos até baixar a duración mínima a 6 meses. E fixémolo con taxas variables, para aproveitar o momento actual, sabendo que as previsións anuncian baixadas o próximo ano, coas que non teríamos que modificar os produtos.

Emporiso, malia o mercado do crédito non ter crecemento, o noso fíxoo por riba do 10 %, tanto en crédito asinado (superando os 50 millóns de euros por primeira vez) como en crédito utilizado. Mantivemos sectores clásicos na nosa actividade, como a economía social ou o terceiro sector, con especial mención da vivenda cooperativa, e incorporamos outros «novos» como o financiamento de películas de cine ou a participación nalgúns concursos para financiar Administracións Públicas Locais ou sociedades municipais.

Fixémolo mantendo as nosas marcas de identidade, realizando unha intervención de prezos nos financiamentos a cooperativas de vivenda, reducindo as marxes nas liñas de crédito e evitando que o cambio de taxas de xuro recaia exclusivamente sobre as costas da nosa clientela. Incorporámonos ás federacións de cooperativas de Andalucía e Cataluña, iniciando un compromiso máis forte coa economía social dos territorios nos que estamos presentes e mantivemos o traballo con persoas novas que tan bos resultados nos segue a dar en implicación, frescura e futuro.

Aproveitamos a forza que nos dá o crecemento para incorporar un sistema de recoñecemento por vídeo para a apertura de contas de novas persoas clientas, e seguimos apostando polo crecemento do persoal e a presenza nos territorios, iniciando en setembro un traballo máis intenso en Galicia, para cada vez achegarnos máis alí onde hai base social que quere traballar coa nosa entidade.

Un horizonte que nos leva ao noso décimo aniversario en 2024, ano no que as aproximadamente 10 persoas que comezamos pasaremos a ser case 50, e aqueles 54 millóns entre activos e pasivos, serán máis de 400. E máis xente, máis brazos para seguir levantándoos pedindo PARAR A VIOLENCIA.