Nun edificio de catro plantas no corazón de Cali, que no seu día foi símbolo da economía ilegal e hoxe foi expropiado ao narcotráfico, está nacendo a Casa de la Paz. Non se trata só dun proxecto arquitectónico de rexeneración urbana, senón do corazón palpitante dunha aposta ambiciosa: demostrar que a paz se constrúe a través da inclusión económica e mais a solidariedade social.
No centro deste renacemento atópase a intervención de Cresud —entidade participada maioritariamente por Banca Etica e dedicada a programas de microfinanzas e cooperación no Sur Global. A súa participación é a proba concreta de como as finanzas éticas poden influír directamente no benestar das comunidades, transformando a fraxilidade en oportunidades de desenvolvemento.
Un ecosistema de paz baixo o mesmo teito
A Casa de la Paz é o froito dunha sinerxía entre organizacións que decidiron non deixar sós os excombatentes das FARC na súa delicada transición á vida civil:
- Ecomún: nada dos acordos de paz de 2016, é a cooperativa “nai” que reúne máis de 120 formas asociativas e 7000 persoas socias, ofrecendo a estrutura política e técnica para a reintegración.
- De Mano en Mano: cooperativa multiactiva que xestiona operativamente o proxecto. Axuda os pequenos produtores a crear marca, embalaxe (packaging) e redes de venda para sosterse a si mesmos e o proxecto.
- Cresud: neste contexto, as finanzas éticas son un motor vital. A través do apoio de Cresud, o proxecto recibe non só recursos, senón tamén lexitimidade, apostando polo valor social da iniciativa e a súa capacidade para xerar unha economía local limpa e sostible.
O contexto: entre a esperanza e as feridas abertas
Colombia vive un paradoxo. Aínda que o acordo de 2016 lle puxo fin formalmente ao conflito, a xustiza social e a ausencia de violencia seguen sendo unha meta afastada. En Cali, unha cidade marcada por profundas desigualdades e tensións, a reintegración dos excombatentes (uns 250 residentes na cidade) topouse a miúdo co asistencialismo e mais a burocratización. A falta de terras cultivables e a ausencia de canles comerciais precarizaron as traxectorias de vida dos que deixaron as armas.
A Casa de la Paz nace, xa que logo, nun terreo difícil, co obxectivo de transformar un ben confiscado ao narcotráfico nun centro (hub) de servizos:
- Espazos de cocreación e formación.
- Oficinas.
- Unha tenda física para os “produtos da paz”.
- Unha cafetaría onde mercar o café dos exguerrilleiros se converte nun acto de reconciliación política e social.
É a resposta colectiva á fragmentación social dun país que intenta con esforzo pasar páxina. Crear oportunidades comerciais para excombatentes ou instalar paneis solares significa alimentar unha economía que xera relacións e reconciliación.
O edificio da Casa de la Paz, lastrado por débedas anteriores e con necesidade de reformas estruturais, representa a metáfora perfecta dos desafíos do posconflito. Aquí, a contribución financeira de Cresud é un investimento en capital humano, e as finanzas éticas confírmanse como unha das poucas ferramentas capaces de xerar procesos de redención duradeiros.
O modelo de intervención de Cresud
Cresud opera como un motor de desenvolvemento para a economía solidaria no Sur Global a través de tres piares fundamentais:
- Finanzas de proximidade: Cresud intervén en contextos difíciles onde o sistema bancario local non adoita chegar. No caso da Casa de la Paz, actúa como garante e financiador dun proceso de capacity building (fortalecemento de capacidades e competencias).
- Enfoque mutualista: o financiamento contribúe a conectar á cooperativa De Mano en Mano co mercado e co movemento do comercio xusto.
- Sostibilidade integrada: cada euro investido serve para financiar a eficiencia enerxética (paneis solares) e crear emprego directo para os excombatentes que residen en Cali.
Foto créditos : Flavia Carpio su Unsplash