Aldo Soldi, presidente de Banca Etica.
Discurso íntegro pronunciado en Venecia o 25 de setembro de 2026, durante a xornada de clausura dos actos enmarcados na asemblea xeral da Federación Europea de Bancos Éticos e Alternativos (FEBEA).
Bos días a todos e a todas. Para Banca Etica foi un verdadeiro pracer acoller este encontro xunto a FEBEA. Estas xornadas non só nos deixaron reflexións de enorme valor, senón que tamén serviron para elixir a nova xunta directiva, o novo presidente e o novo vicepresidente de FEBEA. Deséxolles os maiores éxitos na súa xestión: de verdade, precisamos do voso compromiso.

As finanzas éticas atravesan un momento de indiscutible interese, no que se entrecruzan riscos e oportunidades. Atópanse naha fase de claro crecemento porque se percibe a necesidade dunhas finanzas que non actúen exclusivamente en beneficio propio, para enriquecer ós accionistas, senón que se esforcen por construír comunidades, que poñan ás persoas e ós seus dereitos no centro, que coiden do medio ambiente, que sexan inclusivas e que contribúan á construción da paz.
As finanzas éticas, ao fin e ao cabo, non só xestionan diñeiro, senón que tamén transmiten unha visión do mundo e das relacións humanas. E cando o modelo que ata agora determinou o rumbo do mundo amosa o dano que tamén é capaz de causar a toda a humanidade, agora que é evidente que as finanzas tradicionais se enriqueceron incluso provocando desastres, é entón cando cobra forza a idea dunhas finanzas que respondan a principios e valores diferentes. A comunidade das finanzas éticas e alternativas en Europa demostra que isto non só é posible, senón que non somos un reducto marxinal: somos un sistema sólido, capaz de impulsar de forma eficaz e significativa un modelo de desenvolvemento diferente.
En moitos países convertémonos no principal referente da economía social. Apoiala implica respaldar asociacións, cooperativas e entidades que constrúen sociedades máis humanas e hospitalarias; que antepoñen as persoas ao beneficio e que comparten a nosa visión do mundo.
A nosa sociedade precisa con urxencia a economía social. Europa precísaa. Por iso é vital manter un diálogo fluído e contar co respaldo das institucións europeas, tanto políticas como financeiras. Este espazo de interlocución xa está en marcha —e moi ben encamiñado—, e neste eido FEBEA desempeña un papel clave. Agora debemos consolidar ese camiño. Ao contar con unha implantación e estrutura sólidas, as finanzas éticas poden acadar fitos moi significativos para a cidadanía do continente. Xa existen experiencias de éxito nese sentido, que poden multiplicarse. É fundamental que as institucións europeas sigan considerando a economía social como un factor de desenvolvemento e competitividade do noso sistema. Porque esta é a nosa cultura, diferente da doutros sistemas e continentes, e a relación con institucións financeiras como o BEI e o FEI non se limita unicamente á dispoñibilidade de recursos financeiros, senón que implica a posta en marcha de procesos de acompañamento e crecemento dun valor incalculable.
Ao principio mencionaba a existencia de certos riscos, e gustaríame sinalar dous de gran actualidade.
O primeiro é que a enorme inversión de recursos financeiros destinada á defensa e á seguridade termine desprazando e reducindo o financiamento da economía social, tanto a nivel europeo como estatal. É certo que estes días recibimos algúns sinais tranquilizadores ao respecto: ¡benvidas sexan! Porque as ameazas son evidentes.
O segundo risco vai máis alá das finanzas éticas. Se as sancións do Goberno estadounidense a cidadáns ou entidades europeas —motivadas polo temor a sancións secundarias de gran calado— logran paralizar a actividade financeira de bancos que operan cos afectados, enfrontámonos a un problema grave de soberanía financeira, de autonomía, e —quizais— tamén de democracia. ¡Por iso é necesario reaccionar!
Xa o están facendo bancos e asociacións, pero tamén deben facelo as institucións europeas —que actuaron, aínda que de forma insuficiente— e as institucións nacionais alá onde se dean estes casos. O tema é demasiado importante como para quedarnos de brazos cruzados.
Por todo iso, FEBEA está chamada a desempeñar un papel determinante nos vindeiros anos: promover as finanzas éticas e alternativas, visibilizar os seus coñecementos, a relación coas institucións supranacionais e a difusión de boas prácticas. Así mesmo, será clave fomentar o diálogo e as alianzas económicas entre as entidades adheridas.
Ao longo deste tempo, FEBEA realizou un traballo excelente, tanto a nivel externo como interno, tal e como o demostran estes tres días de encontro.
E aínda que non son partidario de personalismos —pois creo firmemente no valor do traballo en equipo—, non quero rematar sen recoñecer o labor relevante de Peru (Pedro Manuel Sasia) durante os seus seis anos de presidencia. A organización que nos deixa é moi diferente e sensiblemente mellor que a que asumiu no seu día. E o marabilloso ambiente que estamos a vivir estes días —favorecido pola beleza de Venecia— sen dúbida tamén llo debemos a el.
Moitas grazas.
Fotografía: Luca Marcat